O Partido Popular celebrou na noitiña deste xoves 25 de maio un acto coa veciñanza na localidade de Palmeira. Concretamente, no bar Baluarte, situado na fachada portuaria, na que está acabando a remodelación da súa primeira fase conforme ao proxecto da Fundación RIA.

Interviñeron no evento o alcadábel (e actual rexedor) Manuel Ruiz, os candidatos Emilio Pérez e Ana Outeiral e máis Maricarmen Vizcaya, histórica concelleira que, ao igual que Francisco Sieira unha hora antes en Carreira, tamén quixo comparecer tras forma parte da lista como suplente.
Entre as principais propostas do PP para a mellora de Palmeira contémplase un centro social na localidade e tamén acadar un acordo coa Sociedade Hijos de Palmeira para situar no seu campo de fútbol unha gran área recreativa e deportiva, con zonas verdes, parques infantís e aparcamentos, “resolvendo así varias das carencias do pobo, algo que impediu ao oposición as dúas ocasións en que o goberno municipal levou a pleno esta proposta”, sinalaron.

Ademais, Manuel Ruiz recordou que esta mesma semana a Xunta de Galicia aprobaba licitar por 2,8 millóns de euros o proxecto de humanización da estrada AC-305 ao seu paso por Palmeira (segundo o deseño da Fundación RIA de David Chipperfield) e que Portos de Galicia conta xa co proxecto para a segunda fase da remodelación do porto de Palmeira.

Carril bici
Outro proxecto que persegue mellorar a mobilidade en colaboración coa Xunta é abrir un carril bici pola AC-305 dende Palmeira ata Coroso, lugar este último onde, ademais de albergar a nova Residencia de Maiores á altura das Saíñas, o PP pretende se logra revalidar a alcaldía crear unha gran zona verde de 50.000 metros cadrados.

Outras medidas incluídas no programa electoral do PP teñen que ver con melloras como o asfaltado dende Agriña a Río Azor, a ampliación do parque de Arrochela, beirarrúas dende Coroso ao edificio de Fenosa, un paseo dende Insuela á Cambra, asfaltado en Brañal, ampliación de beirarrúas no entornp o do colexio de Palmeira, paseo en Esteirón e asfaltado do camiño do Rueiro e rúa do Forno.

Os populares lembraron tamén que están aprobados e con consignación orzamentaria a renovación de servizos e pavimentación na rúa da Cambra, o parque infantil e accesibilidade en Horta do Cura, a recuperación e posta en valor da senda dos muíños do río Saíñas, a renovación do abastecemento na rúa Barreiro e o saneamento e abastecemento no Lixó, ademais da creación do novo polígono industrial en Fontenla / Pedras Vermellas.