Manolo Ruíz avanza as medidas estrela por sectores e parroquias para desfrutar da Nova Ribeira”. Ruiz quere «continuar co feito» e non perder 60 millóns de euros

O candidato do Partido Popular á alcaldía de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, presentou esta mañá no
Lustres Rivas ante as asociacións do municipio un resumo do seu programa electoral cara ás eleccións do 28 de maio, integrado por un amplísimo paquete de medidas por sectores e parroquias, polas 58
actuacións xa en marcha (moitas delas, con subvencións doutras administracións) e por un conxunto de propostas enfocadas a que a veciñanza poida desfrutar da ‘nova Ribeira’: un modelo urbanístico con
amplas áreas verdes e zonas deportivas, de esparcemento e servizos, e prazas de aparcamento.
Un primeiro bloque do seu programa electoral está integrado polas 58 actuacións que, cun valor superior aos 50 millóns de euros, hai nestes momentos aprobadas e con consignación orzamentaria, gran parte das cales contan con subvencións europeas e están condicionadas a telas rematadas nun prazo máximo de tempo para non perder eses fondos. É o caso do Plan Sostibilidade Turística (2 millóns de euros de fondos Next Generation, máis outro millón a través da mancomunidade), o PIREP (para a rehabilitación do Consistorio Local e do Conservatorio de Aguiño, con 3,3 millóns de euros de fondos Next Generation) ou o plan de baixas emisións nas Abesadas, Os Mosqueiros e A Ameixida, ademais das obras da EDUSI que hai nestes momentos en execución con fondos europeos Feder. Ademais, Manuel Ruiz citou tamén a urbanización do polígono industrial, que precisan unha ardua tramitación, ou obras aprobadas polo
Consello da Xunta como a residencia da terceira idade, o cambio de estrada a rúa da AC-305 en Palmeira ou o centro de saúde. “Sacar adiante 58 actuacións non é doado para quen non teña experiencia de goberno municipal: é a hora da responsabilidade”, dixo Manuel Ruiz.

Manuel Ruiz Rivas estivo acompañado na presentación por María Sampedro 
Medidas estrela por sectores
Un segundo bloque está formado por un paquete de medidas por sector, das que hoxe anticipou aquelas que se poderían considerar “medidas estrela”. Enumerou ao respecto, en infancia, a nova gardería con 41
unidades en Aguiño; en educación, o novo ciclo medio na escola de hostalería situada no mercado municipal; en deportes, duplicar as axudas aos clubes deportivos; en xuventude, converter o actual Auditorio nunha sala de concertos para mocidade (mentres que na parte de arriba se montaría un laboratorio creativo para os artistas); en servizos sociais, a residencia da terceira idade; en industria, o novo polígono; en comercio, continuar anualmente cos bonos de desconto Amaribeira; en medio
ambiente, unha gran zona verde en Coroso de 5 hectáreas); en saúde, ampliar o hospital e o novo centro de saúde; en igualdade, poñer en marcha o cuarto Plan de Igualdade; en turismo, a execución do Plan de
Sostibilidade Turística; en administración e transparencia, a nova casa do concello; en mobilidade, o carril bici entre Coroso e Palmeira; en cultura, facer unha casa de cultura en Palmeira; e en pesca, seguir apoiando todo aquilo que demandan as confrarías e asociacións tal e como se fixo onte mesmo xunto á lonxa.

Medidas estrela nas parroquias
Por parroquias, en Artes, a “medida estrela” sería a nova área deportiva e recreativa en substitución ao antigo campo de Trumiáns; en Olveira, finalizar absolutamente todo o saneamento; en Oleiros, o campo da festa e área recreativa no entorno da Trinidade; en Corrubedo, desenvolver un proxecto homoxéneo no casco urbano conxuntamente coa Fundación RIA; en Carreira, rehabilitar núcleos tradicionais comezando polo do Vilar; en Castiñeiras, a remodelación da fronte marítima; en Palmeira, levar a cabo
unha proposta que foi rexeitada pola oposición como é crear no campo de fútbol da Sociedade Hijos de Palmeira unha zona recreativa e deportiva (cunha pista multideporte e outra de skate), complementada con zonas verdes e aparcamentos; e en Aguiño, ademais das citadas reforma do Conservatorio de Aguiño e a gardería, crear un espazo multidisciplinar no edificio da antiga fábrica do xeo, sempre de forma consensuada coa confraría.

Plan Parcial de Abesadas

Por último, Manuel Ruiz explicou as medidas que teñen que ver coa “nova Ribeira”. Así, manifestou que a súa proposta consiste en desenvolver o novo Plan Parcial de Abesadas no tramo final da primeira fase da variante (no entorno do novo Auditorio, o Xulgado e o colexio Galaxia) e que, con 60.000 metros cadrados, albergaría cinco edificios de cinco plantas cada un separados entre si 25 metros, ademais de instalacións deportivas, amplas zonas verdes e 500 novos aparcamentos só en superficie.
Ademais, sería o lugar onde se ubicaría o novo centro de saúde, con 3.800 metros cadrados distribuídos en dúas plantas seguindo as esixencias do Sergas (bastante máis que a capacidade da instalación actual, que é o que obriga a buscar outra localización), pero que se enclavaría nunha área de case 6.000 metros.

Bandourrío
Outro eixo da “nova Ribeira” ten que ver coa dinamización de Bandourrío.
Ademais da sala de concertos e o laboratorio creativo no actual Auditorio, unha das propostas enfocadas a este obxectivo é materializar as negociacións que se están entablando para adquirir a fábrica de Conservas Cerqueira e facer alí un espazo aberto que poida servir a distintos usos, como actuacións musicais e culturais, feiras comerciais, actividades deportivas, etc., procurado darlle o máximo de uso.

Coroso
E para rematar, a intención de Manuel Ruiz é crear a gran zona verde e esparcemento de Ribeira en Coroso, con 50.000 metros cadrados que irían dende a praia ata a zona da nova Residencia de Maiores e o Cash, ademais de poder ampliar a zona de aparcamento que dá servizo especialmente aos usuarios do areal.