O historiador Daniel Bravo inaugurou en Aguiño a XVIII Semana Cultural Francisco Lorenzo Mariño

21 Xaneiro 2023

Aguiño celebra esta fin de semana, de venres a domingo, a edición XVIII da Semana Cultural Francisco Lorenzo Mariño organizada pola asociación do mesmo nome, que honra de xeito regular a figura do que foi sacerdote da parroquia entre 1959 e 2004, ano do seu falecemento. A Semana Cultural comezou este venres cunha conferencia do historiador e escritor Daniel Bravo Cores, titulada Aguiño e a súa entrada na historia.

Celebrouse este venres no Conservatorio local ás 20:30 horas cunha numerosa asistencia de público, preto de 200 persoas que abarrotaron o local.

Na mesa participaron (en representación da asociación organizadora) Unai González, presidente fundador e actual directivo; María José Sampedro, primeira tenente de alcalde e concelleira de Cultura de Ribeira, quen inaugurou a Semana Cultural ao non poder asistir o alcalde, Manuel Ruiz, no último momento debido a que prolongou a súa estadía en Madrid pola asistencia a FITUR; tamén Pastor Rodríguez, coordinador da Asociación Cultural Barbantia e, e máis o propio relator, Daniel Bravo Cores.

Tras a benvida e intervención de Unai González, inaugurou esta edición a tenente de alcalde para pasar a palabra a Pastor e despois impartir a conferencia Daniel; o acto durou sobre 70 minutos, seguido de 15 minutos de concerto con tres temas a cargo da canteira da orquestra Sons do Mar de Aguiño, co nome de Orquestra Nova Sons, rematou o acto compartindo un pequeno ágape de confraternidade servido pola asociación para todos os presentes.

Tamén se agasallou ao relator e aos membros da mesa, así como ao director da orquestra, Alex Millet, cuns artigos conmemorativos da semana cultural e a todos os membros da mesa cun caderno e un bolígrafo serigrafado cos logos da entidade, para a ocasión.

A conferencia

A conferencia fixo un percorrido por 800 anos de historia das parroquias da Barbanza en xeral e Ribeira en particular, poñendo o foco en Aguiño e máis en Sálvora, pola súa importancia como base para as incursións corsarias e piratas na ría e na costa da comarca durante case tres séculos (do XVI a finais do XVIII), primeiro corsarios do norte de África e despois, xa na segunda metade do século XVIII, mesmo piratas colombianos fuxidos da independencia promovida por Simón Bolivar. Bravo Cores sinalou que Sálvora e o Casal de Aguiño pertencían ao arcebispado de Santiago de Compostela e máis concretamente á Capela da Corticela, segundo cesión do Rei Alfonso II O Casto que despois confirmaría o seu fillo Alfonso III O Magno e o seu neto, Ordoño II; sería o bispo Gaspar de Zúñiga o que llelo cede aos señores de Goyanes despois. Destacou as iniciativas agrarias e pesqueiras de dous párrocos de Carreira durante o Século XVIII, primeiro Matías Pérez Rincón, que tento sacar rendemento dos vermes de seda, e despois Acuña y Malvar coa cesión de balde de terras baldías dende A Graña a Couso para traballalas os labregos a cambio de quedar con elas e pagar unha renda á parroquia e máis tarde con salgadura de badeixo. Tamén falou de Jerónimo de Hijosa, quen instala no 1770 unha factoría en Sálvora, de salgadura de badeixo, a primeira de Galicia (e outra en Ribeira) pero fracasa; serán despois os Goyanes os que proben cunha almadraba para pescar atún, tamén en Sálvora (o que fracasa tamén, pois non hai atún alí) e sería xa para profundar despois nos últimos dous séculos da historia de Aguiño e Sálvora (S. XIX e S XX) a través da industria da salgadura coa construcións de seis almacéns de salgadura en Couso, Porto dos Barcos, Area Basta e Anguieiro en 1833 tras a cesión gratuíta dos terreos por parte de varios veciños de Carreira e Aguiño e o cura de Carreira, José Villarroel, a José Ferrer y Marlés e Francisco Barreras, industriais cataláns asentados na Pobra do Caramiñal.

Así foi, sinalou, como a xente de Carreira e doutros lugares comezou a traballar na salgadura e na pesca e a construír as súas casas no areal que era Aguiño, ocupando terreos de balde para construír; lembrou tamén que como nese ano estaban censados en Aguiño 17 veciños e en 1899 eran sa 197 os veciños censados (na actualidade Aguiño ten 2.985 veciños e veciñas); e despois dese primeiro paso, a xeración de comercio levou a Aguiño a ir en aumento ata ser imposible a súa atención como freguesía por parte do párroco de Carreira e este solicitar no 1958 a súa segregación de San Paio, sendo realidade a partir do 9 de maio de 1959 a través de decreto arcebispal do cardeal Fernando Quiroga Palacios que deu lugar a unha nova parroquia baixo a advocación de Nosa Señora do Carme de Aguiño e así ao nomeamento, en outubro dese mesmo ano, de Francisco Lorenzo Mariño, como párroco titular de Aguiño (viña procedente de Sada, na Coruña).

Ofrenda Floral e Manifesto 2023 (lido este sábado pola tarde no Cemiterio de San Vicente Noal, no Son, na honra do párroco Francisco Lorenzo Mariño pola asociación de Aguiño que leva o seu nome):

Querido Don Francisco. Dende fai xa dezaoito invernos, cada mes de xaneiro xuntámonos aquí algúns amigos e amigas en nome de moitos outros para recordarche que aínda te queremos e te botamos de menos. O longo destes anos pasaron moitos malos tempos, tamén houbo tempo de calma, e sobre de todo moitos comentarios de xente que en vida che quixo moito e que unha vez faltabas de onda nos, se esqueceron dese inmenso amor que che profesaban tan só coa escusa de deixarche descansar en paz.

Don Francisco, ti sabes que o traballo desenrolado o longo destes dezaoito anos a través da asociación que leva o teu nome non é só homenaxe, é crear cultura para o pobo, e dende o pobo, cas portas abertas a todas aquelas persoas que queiran compartir as súas inquedanzas e aportar o seu gran de area. Ese é o noso recoñecemento a ti, non deixar no esquecemento tantos anos loitando polo propio, pola cultura propia.

O día no que se cumprían anos do teu pasamento lembramos que á túa chegada en Aguiño estaba todo por facer e ti decidiches arremangarte e comezaches a edificar Aguiño, empezando polo primeiro templo que foi o actual local parroquial, seguindo pola igrexa e a reitoral, o campanario… pero tamén o tecido social de Aguiño, co club e o campo de fútbol deseñando incluso o seu escudo, o grupo escolar, a lonxa vella, a casa da cultura, o mercado municipal –hoxe conservatorio- e rúas, asociacións, festas… todo leva a túa man xunto á de moitas veciñas e veciños que te acompañaron nesta iniciativa para axudar a medrar ao noso pobo, hoxe tamén a todas e todos eles os queremos lembrar e agradecer a súa achega no pasado para gozar no presente de tan maxestual, á vez que ingrata e non recoñecida laboura.

Onte tivemos en Aguiño a Daniel Bravo Cores, profesor de historia no instituto da Pobra e compañeiro teu ademais de amigo, xa que estivo moitas veces na túa casa e noutras xuntanzas nas que falábades de política, de historia, memoria e outros asuntos que aos dous vos encantaban. Estivo falando de cómo o noso pobo entrou na historia, non só a partir dese 9 de maio de 1959 no que se segregaba de Carreira para dar lugar á parroquia do Carme de Aguiño, senón moitos anos antes, a partir do desenvolvemento industrial e comercial do século XVIII grazas á industria da salgadura e a conserva impulsada por dous inquedos párrocos carreiráns e algún industrial da Pobra, da Coruña ou catalán. Foi un capítulo máis da nosa historia que quedou de manifesto nunha concorrida xornada na que tras escoitar á nova orquestra Sons compartimos un ágape para confraternizar como a ti tanto che gustaba.

Botamos de menos ao noso ben querido amigo Pepe Vila, de Xuño, que nunca faltaba a esta ofrenda para homenaxearche, sabes ben que finou o pasado mes de xullo xa que dende aquela telo contigo ao teu carón, falando dos males do mundo e alentándonos para que reivindiquemos a mellora dos servizos públicos e contra a perda de dereitos da clase traballadora, mil causas sociais nas que el andaba metido, dende a cultura e o compromiso da súa parroquia a través da asociación de veciños Sartaxas ou da de Dereito a unha morte digna ata a participación nas nosas xornadas, nas romaxes irimegas, nas concentracións ou manifestacións contra o machismo, pola igualdade, pola sanidade, pola educación ou polas pensións. Un loitador ata o último alento como ti o fuches. Queremos agradecer publicamente, polo tanto, o seu compromiso co seu pobo en particular e coa humanidade en xeral.

Cada ano, chova ou vente, haxa friaxe ou calma chicha –como din os nosos mariñeiros- estamos aquí neste camposanto para acompañar aos teus restos mortais, unha maneira de facer público o agarimo e a gratitude que che temos. Pero tamén nos atopamos ante ti para seguir o camiño que ti ensinaches, da protesta respectuosa pero firme, porque ti nunca calaches ante ninguén, nunca tiveches medo a afrontar a inxustiza pesara a quen pesara, a reclamar a igualdade, e a clamar contra o abuso. Sempre te puxeches do lado dos máis desfavorecidos e débiles, facendo túas as súas penas e tentando desmarrar calquera entorto que lles asfixiase a gorxa, con esa túa terquidade doce e inquebrantable que foi semente de vida e de xustiza ao longo do teu existir.

Dende a asociación, co eco da túa voz, denunciamos tamén a inxustiza, a desigualdade, a discriminación ou calquera abuso que os poderosos fagan da xente boa e xenerosa, dos humildes, dos traballadores, das mulleres, dos maiores, dos cativos… porque sempre en nós terán o apoio e a solidariedade que ti repartiches ao longo da túa existencia.

Denunciamos unha guerra cruenta e miserable, movida polo capital e diñeiro, alimentada polas armas de occidente e polo medo da humanidade a unha terceira e última guerra mundial. Denunciamos a crueldade de Rusia e a complicidade do resto do mundo en non atallar canto antes este conflito no que unha vez máis sofren os pobres, os obreiros, os desfavorecidos. Denunciamos tamén o desmantelamento da sanidade, os contratos precarios dos sanitarios, a privatización, a redución dos orzamentos que fan quebrar o sistema público de saúde e xa padecemos na atención primaria e unimos a nosa voz á xente de Palmeira, de Corrubedo e de tantos outros lugares que precisan recuperar uns dereitos polos que pagaron e loitaron ao longo da súa vida. Tamén a educación na que cada vez hai máis masificación das aulas e menos persoal ou a imparable subida dos prezos dos alimentos e produtos de primeira necesidade como a luz, a gasolina ou o gas.

Tamén aquí queremos lembrarnos da xente que precisa axuda e solidariedade; aos que se quedaron sen o seu fogar, aos que lles faltaron os seus aforros de toda unha vida, aos que deixaron sen traballo… aos que están pasando fame e dormen na rúa ou de prestado, aos que por non poder pagar non teñen luz nin calefacción para quentarse, non teñen libros para a escola dos seus fillos, nin comida, nin medicamentos para sandar… esas veciñas e veciños que onte eran coma nós e hoxe evitamos mirar cando nos cruzamos con eles polas rúas crendo que ollos que non ven corazón que non sente cando o corazón de quen máis padece é o corazón que late no peito do irmán, do ser humano que independentemente da raza, da crenza, do cor da pel, da condición sexual ou da ideoloxía é coma nós, un ser humano membro desta comunidade.

Nos últimos tempos tamén marcharon de onda nós moitos amigos e amigas que sabemos estarán por onde ti andas; familiares e amigos, descoñecidos ou veciños cuxo recordo rememoramos a cada instante, para que o seu paso por este mundo non resulte estéril e si fecundo e farturento e aos que imos lembrar tamén dedicándolle, xunto a ti a oración do Noso Pai que rezaremos como sempre fixemos.

Neste camposanto queremos facerte novamente o agasallo máis sinxelo, unhas flores e unha gaita ó son da Marcha do Antigo Reino de Galicia e do Himno Galego, pero tamén o noso sentimento, de perda, de tristura por un lado, pero de esperanza e de ilusión polo outra banda, da esperanza que se alcanza co esforzo e co traballo, coa sinceridade e coa sinxeleza de quen é un grande persoeiro sen nunca querelo.

Axúdanos a seguir adiante, a non ser covardes nin comulgar co poder dos cartos. Axúdanos a ser mellores persoas, mellores galegos e mellores crentes, a ser irmáns e veciños na esperanza e na unión dun pobo que non ficará morto senón que seguirá facendo historia como a fixo contigo. De seguro que as de estar á dereita do que está á dereita do Pai, con outros bos e xenerosos, arranxando os males do mundo… Nós non te esquecemos, ti tampouco nos esquezas. Grazas Don Francisco.

Outros artigos

Pakolas actúa este domingo 13 no Local Veciñal de Nebra

Esta fin de semana continúa en Porto do Son a primeira edición do seu Ciclo Cultural Infantil Itinerante, impulsado polo Concello. Farao da man do músico Pakolas, que presenta o espectáculo As máis molonas. Será este domingo 13 de outubro no Local Veciñal de Nebra, ás...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Palabra de Rei”. Xulio Xiz

“Palabra de Rei”. Xulio Xiz

En foto de hai 48 anos podemos ver ao bispo de Lugo, Ona de Echave, asperxendo a Juan Carlos e Sofía, Reis, na porta norte da Catedral de Lugo, ante a mirada atenta de José Ferro. Eran tempos nos que “palabra de Rei” significaba firmeza nos tratos das...