Ribeira ofertará á cidadanía 75 prazas nos Campamentos de Conciliación do Nadal

22 Novembro 2022

Coincidindo coas vacacións escolares, o Concello de Ribeira volve organizar os seus Campamentos de Conciliación (Nadal Concilia). Faino co obxectivo concreto de “ofrecer ás familias locais unha alternativa cultural e de lecer para os seus fillos e fillas”. A concelleira de Cultura María Sampedro presentou a iniciativa este martes 22 de novembro: unhas actividades, dixo, “que pretenden satisfacer as principais necesidades de conciliación das familias así como atender ás diferentes circunstancias de vulnerabilidade facilitando bonificacións a quen o precisa”.

Segundo fixo saber, poranse a disposición da veciñanza un total de 75 prazas para nenas e nenos dende cuarto de educación infantil ata cuarto de primaria. As actividades desenvolveranse dende o 23 de decembro (o día seguinte ao remate das clases) e ata o 5 de xaneiro. O lugar de celebración será o CEIP O Grupo de Ribeira, e o horario será de 9 a 14 horas aínda que, como no verán, “ábrese a posibilidade para que as familias poderán deixar aos participantes xa dende as oito e media e recollelos ata as dúas e media”, sinalou a edil, engadindo que “nestes campamentos as persoas participantes gozarán de diversas actividades, no interior do recinto e tamén polas rúas de Ribeira para coñecer a nosa cidade, o noso patrimonio cultural e medioambiental, contarán con obradoiros de igualdade, de novas tecnoloxías, actividades deportivas, e moitas outras propostas de ocio e divertimento”.

En canto ao prezo de matrícula, está fixado en 40 € e destacar que están subvencionados polo Concello de Ribeira sendo o máis axustados posibles tendo en conta o custo real do servizo.

Ademais haberá un desconto do 20%, quedando polo tanto o prezo en 32 €, para familias incluídas dentro dos colectivos vulnerábeis que reúnan algunha das seguintes condicións: familias numerosas, familias acolledoras ou monoparentais, familias con dous ou máis inscritos nesta actividade, desempregados de longa duración ou familias nas que o participante acredite unha discapacidade de ao menos o 33%. “Coma sempre”, sinalou a concelleira, “reservaremos un 10% das prazas para situacións de emerxencia social que nos derivarán dende a área de Servizos Sociais do Concello de Ribeira a través dun informe ou relación detallada elaborada polos profesionais do departamento e estando estes participantes exentos do pago da matrícula”.

O prazo de preinscrición será do 5 ao 14 de decembro de 2022 (ambos inclusive) e as solicitudes faranse a través do Rexistro Xeral do Concello de Ribeira: de maneira presencial na Oficina de Atención Cidadá do Concello (atención ao público de 9.00 h. a 14.00 h.) ou de forma telemática a través da web www.ribeira.gal. As listaxes de admisión, agarda e vacantes publicaranse o 19 de decembro na páxina web do Concello de Ribeira.

As persoas que aparezan como admitidas na listaxe deberán realizar o pagamento do importe correspondente (con ou sen bonificación) mediante autoliquidación do 19 ao 22 de decembro para que os participantes poidan así incorporarse o 23 de decembro ás actividades.

Outros artigos

O Concello de Ribeira reforza o alumeado público na rúa de Galicia

O Concello de Ribeira informou dun reforzamento do alumeado público nalgunhas contornas do centro urbano da cidade, concretamente no treito da rúa Galicia comprendido entre o Mercado Municipal e o cruzamento co Parque García Bayón. Segundo informaron fontes do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cadaquén coa súa idea”. Luís Celeiro

“Cadaquén coa súa idea”. Luís Celeiro

Fóronse onte pola madrugada e arestora aínda non chegaron. Montaron nun avión para ir a “non seionde” e, despois, un tren de longo recorrido levaríaos a outro aeroporto,  para seguir o seuprograma de turismo ofertado por unha das máis importantes axencias de turismo...

“Good morning, Baltimore”. Antón Luaces

“Good morning, Baltimore”. Antón Luaces

Este xoves foron recuperados outros dous cadáveres supostamente doutros tantos obreiros da maior infraestrutura marítima de Baltimore, considerada a de máis lonxitude de Estados Unidos, que foi derrubada o pasado martes polo portacontedores "Dalí", que bateu contra a...