Quico Cadaval será o director da obra premiada este ano no Certame Manuel María de Proxectos Teatrais: Auto de Castromil

22 Novembro 2022

Quico Cadaval (Carreira, Ribeira, 1960) foi este martes 22 un dos grandes protagonistas da gala do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, cuxa terceira edición resolveuse nun acto multitudinario en Santiago, no Salón Teatro. En concreto, o xurado do concurso decidiu distinguir co Premio Manuel María a obra Auto de Castromil, da compaña Producións Excéntricas, na que milita Cadaval, precisamente, quen será tamén o director da peza.

Segundo se fixo saber, a obra contará cun mínimo de 40 representacións nas cidades e vilas galegas grazas á colaboracións de concellos e deputacións. Amais, a Fundación Manuel María (impulsora do dito certame teatral xunto coa Casa-Museo Manuel María) achegaralle á produtora 4.000 euros, ao que se suma o apoio do Centro Dramático Galego, que co-producirá o proxecto.

O certame

Como dixemos, o certame foi convocado pola Fundación e Casa-Museo Manuel María coa colaboración das Deputacións da Coruña, Lugo e Ourense; do Centro Dramático Galego; das Mostras de Teatro de Ribadavia, Cariño e O Carballiño e de 33 concellos galegos: A Coruña, As Pontes, Ames, Arteixo, Barbadás, Betanzos, Brión, Cangas, Cambados, Carballo, Cariño, Carral, Cedeira, Culleredo, Gondomar, Lugo, Malpica, Melide, Monforte, Neda, O Barco, O Carballiño, Oleiros, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Ribeira, Sada, Santiago, Tomiño, Verín e Vilalba.

Este certame ten carácter bienal e está destinado ás compañías profesionais galegas. Nel prémiase a mellor proposta escénica dunha obra de Manuel María, co compromiso por parte da compañía gañadora de levala á escena no prazo máximo de 10 meses. Despois estará en cartel cando menos até rematar o ano 2024.

A obra premiada

Nesta 3ª edición o premio recaeu na compañía Producións Teatrais Excéntricas polo seu proxecto Auto do Castromil realizado sobre a obra homónima de Manuel María. A obra será dirixida por Quico Cadaval e o elenco está composto por Víctor Mosqueira, Evaristo Calvo, Patricia Vázquez e Rocío González acompañados de Carlos Alonso na escenografía, Piti Sanz no espazo sonoro e Octavio Mas na iluminación.

Decisión do xurado

O xurado tomou a súa decisión por unanimidade e cualificou o proxecto como “brillante e imaxinativo, recuperando propostas contidas no Teatro de Máscaras de Otero Pedraio, un dos textos máis visionarios no deseño dun teatro de vangarda propiamente galego”. Resaltou, ademais, que “a obra presenta unha gran capacidade de chegar a un espectro de público moi amplo, incluído o público escolar, pola súa mistura de estilos, o xogo cos obxectos e os materiais propostos, aventurando un espectáculo singular que promete poética e humor”. Tamén valorou o xurado que a proposta gañadora “presenta unha estética con capacidade de intervir na sociedade contemporánea recollendo os valores da obra de Manuel María que combina a vangarda coa cultura popular.” Finalmente salientou que “a compañía promotora -Excéntricas- está constituída por un equipo artístico sólido, contrastado e de alta calidade que resulta unha garantía para o desenvolvemento dun espectáculo atractivo de xogo escénico, comprometido, de humor e poesía”.

O xurado estivo presidido por Manuel Lourenzo -Premio Nacional de Teatro-, actuando de vogais María Barcala de Teatro do Atlántico, Fernando Dacosta de Sarabela Teatro, Mónica Camaño, actriz e Manuel Xestoso, crítico teatral. Realizou a función de secretario, sen voto, Alberte Ansede en representación da Fundación Manuel María.

O encargado da entrega do premio foi Alberte Ansede, sendo recibido por Quico Cadaval, director da obra premiada. Estiveron acompañados por Francisco Javier Núñez, Director do Centro Dramático Galego; por Mercedes Rosón, concelleira de Cultura de Santiago de Compostela e polo xurado ao completo.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Meus irmáns” – Xulio Xiz

“Meus irmáns” – Xulio Xiz

Fóronse meus dous irmáns: Mato, o maior, e Santi, o pequeno. O maior, morreume hai unhas semanas. O máis novo, o día do Pai. Se Xesús tivo vida longa e froitífera, Santi foise moi cedo despois de poñer unha pica en Bristol. Os tres somos tamén agora irmáns en terra:...