Política Lingüística ofrécenos en Ribeira e Noia un menú de tres espectáculos creativos para a rapazada

09 Novembro 2022

A Secretaría Xeral de Política Lingüística que dirixe Valentín García tennos deparados tres espectáculos para este mes de novembro, dous en Ribeira e un en Noia, todos co nexo común de visualizar, reivindicar e enxalzar o uso do galego, e coa vantaxe de facelo xogando, participando e creando. Unha destas propostas é Xogar e aprender en galego mola!, que chega a Ribeira o día 19 de novembro a partir das 12.00 horas, no Centro Cultural Lustres Rivas. Trátase dun espectáculo infantil de música e xogos, de Deza Music, que nos brinda lecer para toda a familia con moita diversión ao tempo que se promove o uso da lingua entre nenas e nenos.

Días máis tarde, o 25 de novembro a partir das 18.00 horas, chega ao Casino de Noia o espectáculo Cadernos de cores e cancións, unha proposta musical de Magín Blanco e Pablo Vidal. Trátase dunha función para público infantil e familiar que propón un percorrido pola creación musical e literaria das cancións. Partindo do legado dos trobadores e trobadoras, esta proposta de dinamización en formato concerto-obradoiro repasa diferentes cancións en lingua galega e facilita un espazo de interacción e intercambio co público para que, de forma colectiva, se cree unha nova peza.

A maiores, o 26 de novembro temos en Ribeira unha nova cita cultural do programa FalaRedes: o espectáculo Falando a música, de Pablo Carpintero, a partir das 11.00 horas no Auditorio Municipal. Trátase dun concerto didáctico que mostra e pon en valor o noso patrimonio cultural musical ao tempo que fala da música como “manifestación cultural esencial para os humanos”. Está dirixido a todo tipo de público, pois achega información relevante sobre a nosa evolución como especie e os procesos de evolución cultural.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...