O programa Muller Dixital comeza na Pobra cun total de 20 participantes

A Pobra do Caramiñal acolle estes días o desenvolvemento dunha formación destinada a romper barreiras de xénero en materia de capacitación tecnolóxica: o programa Muller Dixital, unha iniciativa na que participan unha vintena de alumnas e que vén da man da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que conta coa colaboración da Concellaría da Igualdade, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra).

O programa iniciouse no 8 de novembro coa participación dun total de 20 mulleres desempregadas ou en mellora de emprego. A finalidade é “que adquiran competencias dixitais e reducir a fenda de xénero a través da capacitación dixital”.

As clases desenvólvense de luns a venres na aula de estudo situada na planta superior da Biblioteca Municipal da Pobra, lugar ata onde se desprazaron na xornada deste xoves 9 de novembro a concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos (Nós Pobra), xunto coa axente da igualdade, Carolina Rodríguez, para saudar ás asistentes.

O curso atópase diferenciado en tres bloques temáticos, cunha duración de 40 horas cada un: competencias dixitais básicas, avanzadas e para o emprendemento.

Tras finalizaren, as mulleres integrantes recibirán como agasallo cadansúa tableta cun teclado externo para pór na práctica todo o aprendido.

A dita iniciativa está financiada polos Fondos Next Generation EU e o Plan de Recuperación, transformación e resiliencia do Ministerio da Educación e Formación Profesional.