O PIE de Amicos fixo posíbel a inserción laboral de 67 persoas

Amicos celebrou este xoves 3 de novembro, no Auditorio Municipal de Ribeira, o acto de clausura do Programa Integrado de Emprego 2021–2022, unha iniciativa cuxo obxectivo foi mellorar a inserción laboral mediante a combinación de accións de formación ocupacional, prácticas non laborais e prospección e mediación coas empresas. O acto estivo guiado por Laura Castro, participante do PIE anterior. Segundo se fixo saber na cita, a edición que se vén de pechar logrou xerar oportunidades a máis dun centenar de persoas da comarca do Barbanza e posibilitou a inserción de 67.

María Sampedro Fernández, tenente alcalde Ribeira, deu a benvida a todos e todas ao acto recalcando que “para o Concello de Ribeira é un privilexio contar cunha asociación como é Amicos, unha asociación que pon en valor ás persoas con discapacidade, neste caso, con respecto á inserción laboral. Quero felicitar a todo o equipo polo gran traballo realizado e por lograr os obxectivos marcados no programa”.

De seguido, Elísabet Casero San Juan, relatou a súa experiencia como participante no programa: “Non sempre querer é poder, as persoas en ocasións cruzamos batallas que só se poden entender desde a experiencia de camiñar cos mesmos zapatos, aquí estamos, nais que só dispoñemos de horarios para traballar no tempo no que os nosos fillos están no colexio, nais de fillos con discapacidade, mulleres con persoas maiores ao seu cargo etc. Síntome orgullosa de representar a todo o grupo de compañeiros e compañeiras do programa integrado, que demostramos que era posible malia os obstáculos no camiño”. Logo deu paso a proxección do vídeo resumo do programa.

Datos acadados

Continuou Xoan España, director xeral de Amicos, que explicou os resultados alcanzados. Un dato que destacou é que dos 133 participantes no Programa Integrado de Emprego 2021-2022 de Amicos, 67 persoas accederon ao mercado laboral, dos cales 32 son homes e 35 mulleres.

Todos e todas residen nos Concellos de Boiro, Ribeira, Pobra do Caramiñal, Noia e Porto do Son, dixo, engadindo que “arredor de 84 participantes do programa xa realizaron varios itinerarios formativos en comercio (175 horas), almacén e industria (80 horas) e limpeza (90 horas) polos cales recibiron o seu correspondente diploma”. Xoan España animou a continuar por este camiño a todos os participantes: “Ás veces non se consegue o éxito, pero é cuestión de insistencia, se seguimos insistindo e formándonos lograremos os nosos obxectivos”.

Do mesmo xeito, Digna Iglesias, vicepresidenta da Asociación Amicos, agradeceu “o apoio e a confianza recibida”, dos concellos, persoal técnico, empresas, participantes e “moi especialmente do departamento de programas integrados de emprego da Xunta de Galicia pola confianza depositada no noso traballo”.

Durante a duración do programa, asináronse 26 convenios de prácticas con empresas da comarca.

Amais, contouse coa participación de varias empresas, como é o caso da conserveira boirense JEALSA, presente no evento deste xoves a través de Margarita Hermo, directora de Relacións Institucionais na corporación, que deu os “parabéns a todos os participantes” e engadiu: “As empresas temos que estar á beira da sociedade en xeral, temos que estar á beira das persoas, como ben dicía Xoan, Amicos son persoas, e as empresas tamén, e en global somos persoas que apoiamos a persoas, só quédame felicitarvos a todos en nome de todas as empresas que colaboramos con Amicos, é máis o que nos dá Amicos có que nós lle damos a Amicos, permítenos ser diversos e crear empresas mellores”.

O Programa Integrado de Emprego 2021 – 2022 está financiado pola Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal, Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social. Por este motivo contouse coa presenza de Zeltia Lado Lago, directora xeral de Formación e Colocación da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, que agradeceu deste xeito o labor de Amicos, “Para o min é unha alegría estar hoxe convosco neste acto de peche que dá conta do traballo ben feito ao longo destes 12 meses. Para finalizar quero poñer en valor o gran labor de Amicos, porque sodes unha asociación que contribúe a ofrecer futuros mellores para persoas en situación de vulnerabilidade, unha entidade inspirada no valor da sociedade e que contades cunha experiencia de máis de 20 anos”.

Zeltia Lado na súa intervención