O Consello Escolar Municipal do Concello de Boiro busca solucións á problemática do transporte escolar

10 Novembro 2022

O Concello de Boiro celebrou este mércores 10 de novembro unha nova sesión do Consello Escolar Municipal. O obxectivo foi novamente avaliar o inicio do novo curso escolar e as demandas e necesidades detectadas pola comunidade educativa. A xornada estivo presidida pola concelleira de Educación, María Outeiral, e contou coa presenza da representante de inspección educativa, Verónica Martínez Delgado, así como de representantes dos centros, do alumnado e dos distintos sectores que forman parte. Na sesión abordáronse os principais problemas xurdidos co transporte escolar nos distintos centros educativos. O tema, que non estaba incluído na orde do día, xurdiu durante o desenvolvemento da xuntanza por ser, sinalaron, “un problema que afecta a toda a comunidade educativa”.

Segundo fixo saber a concelleira de Educación, María Outeiral, “atopámonos que se suprimiron paradas e se fixeron cambios e modificacións que afectan directamente aos nosos rapaces e rapazas que, en moitos casos, teñen que desprazarse para coller o autobús, sobre todo no rural”.

A comunidade educativa puxo sobre a mesa tamén que se trata dun problema comarcal, que afecta a todos os municipios do Barbanza, e ao que “dende Mobilidade non lle está dando solución”.

Tamén se trataron outras cuestións nas que está a traballar o Goberno local, como a solicitude de novos ciclos formativos atendendo á demanda do alumnado e principais sectores empresariais, sobre todo aqueles relacionados coa hostalaría e a acuicultura… así como traballar na posibilidade de empregar instalacións municipais como as do Centro de Formación de Espiñeira. A xuntanza tratou tamén temas como a zonificación, a creación dos camiños seguros (xurdindo como proposta facer puntos protexidos en colaboración coas familias no camiño ao colexio, promovendo a autonomía e vida sa dos rapaces); e outras accións e actividades a levar a cabo entre os centros de ensino e as asociacións.

Na xuntanza tratáronse as distintas actividades que engloba o proxecto En(clave) para o curso 2022-2023 que se vai desenvolver nos distintos centros educativos. “O ano pasado funcionou moi ben e quixemos repetilo este ano atendendo ás novas necesidades e demandas que a comunidade educativa formulou logo da primeira edición do programa”, recoñeceu a concelleira de Educación, María Outeiral.

O Consello Escolar municipal reúnese de xeito periódico durante o curso escolar para detectar e dar solución aos problemas e necesidades xurdidos no ámbito educativo. Este órgano, no que está representada toda a comunidade educativa, está en condicións de ofrecer unhas perspectivas de interese xeral que axuden a clarificar e resolver aquelas problemáticas detectadas no eido escolar.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...