O Concello da Pobra amplía o proxecto de compostaxe doméstica

O Concello da Pobra do Caramiñal anunciou un novo impulso á súa estratexia de compostaxe doméstica, un pulo que colle corpo co reparto de 30 novos colectores proporcionados por SOGAMA. Trátase da cuarta campaña na que está inmersa a Concellaría do Medio Ambiente, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra), para fomentar a sustentabilidade na xestión da materia orgánica na orixe e que se traduciu xa na distribución de 160 unidades en vivendas unifamiliares do termo municipal.

O Concelllo explicou que “aínda quedan composteiros dispoñíbeis, polo que as persoas que desexen participar deben formalizar a súa solicitude a través do rexistro, preferibelmente o telemático”. Entre os requisitos figuran: vivir de forma habitual no concello da Pobra do Caramiñal; dispor dun terreo (xardín, horta) cunha superficie mínima de 25 metros cadrados; e permitir o seguimento da compostaxe durante o 2023 por persoal acreditado de URBASER.

O acto de entrega terá lugar no 18 de novembro, ás 20.30 horas, no Teatro Cine Elma. Ofrecerase unha charla formativa e tamén se subministrarán ferramentas auxiliares por parte da Administración local como, por exemplo, un aireador e unha pequena guía básica de compostaxe.