O BNG reclama axilizar o desdobramento do corredor Brión-Noia con 4 millóns de euros

16 Novembro 2022


A deputada do BNG, a pobrense Rosana Pérez, presentou este mércores 16 de novembro en Testal, no municipio de Noia, as emendas parciais do BNG aos orzamentos da Xunta de 2023 para investimento na comarca de Muros e Noia.

A nacionalista lembrou “a necesidade de que o desdobramento do corredor entre Brión e Noia se axilice” e explicou que “o PP chegou a afirmar que a licitación da obra tería lugar no mes de novembro de 2010” e “que xa leva xa cinco anos aparecendo nos orzamentos unha insuficiente partida de 250.000 euros sen que rematase sendo executada en ningún deses exercicios”.

Pérez dixo que desde o BNG “defendemos a prioridade de desenvolver o esta infraestrutura, polo que consideramos necesario elevar a partida orzamentaria ata os 5 millóns de euros, adiantando os prazos para que a autovía entre Santiago de Compostela e Noia sexa unha realidade”.

Tamén fixo saber que as devanditas non son as únicas propostas da formación en materia de transporte e mobilidade do BNG, pois tamén demandan un reforzo de 100.000 euros para mellorar as conexións comarcais en transporte público e a súa coordinación co autobús a Santiago de Compostela.

Ademais, apostan pola dotación de medio millón de euros para un carril de bicicletas e un sendeiro peonil ao longo da AC-550 ao seu paso por Outes, e pola reforma integral da avenida de Fisterra deste municipio, cun investimento de 1.100.000 euros.

Solo industrial
Outra das apostas fortes do BNG nestes orzamentos é a dotación de solo industrial, neste caso demandan un investimento de 4 millóns de euros para a construción do parque empresarial de Porto do Son. “A ría de Muros e Noia ten un problema de dispoñibilidade de solo industrial, o que remata por afastar as empresas dun territorio con moita potencialidade, o BNG quere rematar con esta dinámica de desleixo da Xunta e posibilitar a xeración de emprego”, explicou Pérez.

Os nacionalistas tamén avogan por mercar a fábrica de Calvo en Esteiro, no municipio de Muros, cun valor de 1 millón de euros, na que esperan que a Administración pública, coa colaboración das confrarías de pescadores da comarca, poida desenvolver proxectos de cara á transformación de parte das materias primas como o bivalvo na proximidade da ría.

Saneamento
“O desenvolvemento das redes de saneamento municipais, e nomeadamente a de Noia, son o principal escollo para a rexeneración dos bancos marisqueiros da ría, polo que a mellora do funcionamento da actual EDAR de Noia non pode agardar dous anos máis, cómpre incluír nos orzamentos deste ano a totalidade da actuación, de maneira que nas próximas contas se poida traballar múltiples problemas de xestión de augas no municipio noiés, que van moito máis alá do funcionamento da EDAR”, explicou a nacionalista. Neste senso, demandan “completar o investimento a executar sobre a depuradora de Noia na totalidade da actuación, o que supón case un millón de euros a maiores”. O BNG tamén inclúe actuacións de mellora da rede de saneamento de Outes por valor de 400.000 euros.

Sectores produtivos
Ademais, para “mellorar a calidade laboral das persoas mariscadoras a pé”, a formación solicita un investimento de 200.000 euros para ampliar e mellorar os vestiarios do sector do marisqueo a pé en Testal. “As persoas do marisqueo a pé merecen unha instalacións na praia que lles permitan mudarse de forma cómoda e poder darse unha ducha quente, temos que apostar pola mellora das condicións de traballo deste sector”, explicou Pérez, engadindo que “tamén temos que apoiar a planta de reciclaxe de Servia, no municipio de Lousame, que segue esquecida pola Xunta”. E engadiu: “O actual Executivo galego, intenta condenar ao ostracismo e facer morrer de inanición todo aquel modelo alternativo ao seu. A planta de Lousame é a aposta por un modelo descentralizado da xestión do lixo, máis sustentábel e que xera emprego, o BNG non se resigna e incide na necesidade de mellorar as instalacións de Servia, polo que propoñemos investir medio millón de euros nunha máquina volteadora, necesaria para a mellora da compostaxe”, explicou a deputada.

Política social
O BNG criticou que Noia sexa o “único municipio galego de máis de 10.000 habitantes que non conta cunha escola infantil pública”. O BNG defendeu que “é hora xa de que, dunha vez por todas, se desenvolva esta actuación, por iso pedimos un investimento de 400.000 euros”, afirmou a representante nacionalista.

No caso de Outes, a formación aposta por desenvolver unha residencia de maiores, cun investimento de 200.000 euros, e a creación de vivenda pública no municipio, nunha emenda por valor de case 400.000 euros. No Porto do Son, os nacionalistas demandan a ampliación de espazo no ximnasio municipal, por medio millón de euros, e o arranxo da estrutura e da cuberta do pavillón polideportivo de Santa Irene, por 800.000 euros.

Cultura e patrimonio
O BNG tamén aposta por unha serie de actuacións que acaben co “abandono da gran riqueza cultural e patrimonial da ría de Muros e Noia”, en palabras de Pérez. Deste modo, solicitan “o remate da actuación de rehabilitación sobre o Cine París, cun investimento de 250.000 euros; a ampliación do museo de laudas gremiais en Noia aproveitando o inmóbel da Casa da Cultura Antón Avilés de Taramancos, por 900.000 euros; a construción dun centro de interpretación do castro de Baroña, en Porto do Son, por un millón de euros; así como a recuperación e musealización da casa natal do poeta Francisco Añón, en Outes, por valor de 300.000 euros”.

Outros artigos

A Marea de Noia require unha inspección da ETAP

O voceiro da Marea de Noia, Manolo Seijas, presentou un escrito ante a inspección de sanidade sobre a auga municipal no que require ao dito departamento unha análise exhaustiva da ETAP (Estación Tratamento de Auga Potábel) para verificar o estado da mesma e do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cadaquén coa súa idea”. Luís Celeiro

“Cadaquén coa súa idea”. Luís Celeiro

Fóronse onte pola madrugada e arestora aínda non chegaron. Montaron nun avión para ir a “non seionde” e, despois, un tren de longo recorrido levaríaos a outro aeroporto,  para seguir o seuprograma de turismo ofertado por unha das máis importantes axencias de turismo...

“Good morning, Baltimore”. Antón Luaces

“Good morning, Baltimore”. Antón Luaces

Este xoves foron recuperados outros dous cadáveres supostamente doutros tantos obreiros da maior infraestrutura marítima de Baltimore, considerada a de máis lonxitude de Estados Unidos, que foi derrubada o pasado martes polo portacontedores "Dalí", que bateu contra a...