O BNG denuncia o deterioro da Casa da Xuventude ribeirense

18 Novembro 2022

O portavoz do BNG, Luís Pérez Barral vén de denunciar o gravísimo deterioro que sofre a Casa da Xuventude de Ribeira que nos últimos días se inundou chegando a asolagar o seu interior sen que o goberno local fixera nada por evitalo.

Pérez Barral considera que estamos ante a “demostración palmaria dun goberno local non está á altura” e cre que a día de hoxe existen dous problemas graves que impiden que Ribeira mellore. O primeiro deles é a “falta de proxecto de cidade pois vemos que se goberna a bandazos e o pouco que se fai acaba xerando problemas ou directamente fica abandonado”. O segundo factor, considera que é a “incapacidade dun goberno esgotado e incapaz de resolver” a xestión do día a día con obras que non avanzan provocando a perda de postos de traballo.

Pérez Barral non se cinguiu á anegada e sucia Casa da Xuventude, senón que abordou a parálise con outros exemplos de edificios públicos que están sen rematar ou presentan problemas importantes. “A tan necesaria estación de autobuses leva comprometida desde 2014, iniciouse en 2021 pero aínda non rematou, o Centro Social de Carreira leva 10 anos en construción pero segue sen finalizar, o centro social de Corrubedo aínda agarda o remate da súa rehabilitación, a reforma do parque de Pedra Pateira prometido desde 2017 segue agardando e un longo etc.

Ademais de obras inacabadas ou directamente abandonadas, hai proxectos dos que nada se sabe malia haber partidas orzamentarias aprobadas para a súa realización, tal é o caso do Club de Remo ou da nova biblioteca, ámbolos dous proxectos defendidos e propiciados polo BNG que o goberno local mantén paralizados.

Solucións inmediatas ou que deixen paso

O BNG cre as obras están paralizadas pola mala xestión e planificación do goberno do Partido Popular á hora de realizar os proxectos, situación que conleva sobrecustos que se afrontan cos cartos públicos ou, no peor dos casos, o completo abandono da instalación como é o caso da casa da xuventude” recrimina Barral.

Pérez Barral esíxelle ao alcalde de Ribeira, Ruiz Rivas, que se poña a traballar para sacar os proxectos adiante, mellorar o mantemento dos edificios e equipamentos públicos porque Ribeira non pode seguir esmorecendo por causa da súa mala xestión. “Ribeira precisa un goberno que este á altura, capaz de resolver os problemas e sacar o potencial do concello porque está claro que este goberno está esgotado e o BNG está preparado” concluíu Barral.

Outros artigos

Falece unha ribeirense de 50 anos atopada no chan da súa casa

Unha muller de 50 anos, cuxa identidade responde as iniciais T.M.M., faleceu esta noite na súa casa da céntrica Rúa Méndez Núñez, de Ribeira. Segundo informa o Diario de Arousa , foi a súa parella a que ao redor das oito do serán chamou o 112 para comunicar que non...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...