O alcalde de Ribeira resalta a importancia de aprobar o orzamento municipal

17 Novembro 2022

O orzamento municipal do 2022 será obxecto de debate nun pleno extraordinario que se celebrará o vindeiro luns 21 de novembro e, para informar dos seus principais rasgos e, sobre todo, para explicar as razóns que levan ao Executivo a someter a súa aprobacion a estas alturas, hoxe compareceu no consistorio o alcalde Manuel Ruiz, quen sinalou que nun escenario de inestabilidade como o que se está a vivir na actualide, optar por un orzamento prorrogado é a peor decisión que se pode tomar por parte dunha administración municipal.
Así, non aprobar os presupostos implica para Ribeira non poder utilizar 970.000 euros procedentes dos fondos do estado, cantidade que permitirá satisfacer dúas obrigas xurdidas no 2022 como son o encarecemento dos custes enerxéticos (no entorno dos 300.000 euros) e, por outra parte, a subida un 1,5% no salario dos traballadores municipais en cumprimento da decisión consensuada polo goberno do Estado cos sindicatos no mes pasado. “Aprobando orzamentos, deixaríamos ao Concello con todas as súas obrigacións saldadas e os compromisos co seu persoal, salvados e saneados”, manifestou o primeiro edil.
A maiores, Manuel Ruiz argumentou que o que se pretende con esta actualización orzamentaria é adecuar os ingresos aos gastos producidos, sen que se incorpore practicamente nada novo salvo os créditos correspondentes a subvencións procedentes do Estado e doutras administracións, tales como o Plan de Sustentabilidade Turística (2 millóns de euros), o PIREP (2,8 millóns), melloras na dixitalización (185.000 euros), o equipamento do novo Auditorio (300.000) ou convenios en tramitación coa Xunta (400.000).

A partir de aí, o que varía en comparación con contar cun orzamento prorrogado consistirá en aumentar 105.000 euros o destinado ao servizo de atención no fogar a persoas dependentes, outra subida de 20.000 euros para axudas nos comedores, amén de dous compromisos plenarios aprobados pola Corporación actual (o estudo comparativo da estrada de Frións coa variante e a creación dun monumento en homenaxe aos represaliados na Guerra Civil de 1936) e, por último, dunha axuda para a compra dunha traiñeira por parte do Club de Remo de Ribeira.
O alcalde incidiu na importancia de poder sacar adiante os orzamentos para cumprir os compromisos do Concello cos empregados municipais e coas empresas enerxéticas, pois de non facelo se deixarían débedas para o próximo ano. “O que estamos a facer é un acto de responsabilidade e de claridade con todos os grupos políticos e, sobre todo, coa Corporación que saia no 2023”, resaltou.
O segundo da historia
Ruiz Rivas informou de que este será en termos homoxéneos o segundo orzamento máis alto na historia de Ribeira, cunha subida do 24% con respecto ao do exercicio anterior ata alcanzar a cifra de 32.952.884 euros, na que o capítulo de investimentos reais se eleva ata os 10.039.852 euros.
O gasto de persoal representa un 26,19%; os gastos correntes, un 38,39%; e os investimentos reais, o 30,47%. Ademais, resaltou o dato de que o Concello dedica tan só o 2,6% para pagar a súa débeda (amortizacións e intereses) a pesar dos importantes esforzos realizados para poder levar acabo actuacións como as englobadas na EDUSI ou o próximo derrubo de varios inmobles en Romero Ortiz e na Curva da Muíñeira tras resultar partícipes dos fondos de cooperación do Instituto Galego de Vivenda e Solo.
No apartado dos ingresos, as transferencias correntes procedentes doutras administracións ronda os 10 millóns (un 30%) e as de capital, 7,9 millóns de euros (un 24%). Taxas e impostos directos achéganse ao 40%.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...