“Negociar e conciliar”. Luís Celeiro

Despois do que pasou, contáballelo ás súas amizades e ningunha delas daba creto do ocorrido.
Todos falaban do caso, pero ninguén entendía como a Lei lles daba aos homes pais de dous ou máis fillos e beneficiarios dunha pensión contributiva de xubilación, un complemento económico de maternidade, dunha porcentaxe sinalada, que as mulleres xubiladas cobraban dende xaneiro de 2016, pola súa achega demográfica. Así é. Diante desta discriminación e trato desigual entre mulleres e homes, a Xustiza tomou cartas no asunto para que a Seguridade Social non faga
diferencias por razóns de xénero.
Alá foron todos. Todos os que estaban nesta situación e moitos homes cobran ou cobrarán ese Complemento de Maternidade, que algo axuda ás economías familiares debilitadas polos tropezóns dos que dirixen as macroeconomías dun territorio ou dun país, supeditadas ao que ordenan, con razón ou sen ela, os grandes axentes e actores da globalización, desa que apuran e da que se benefician as multinacionais e os grades capitais.
A cidadanía queda á marxe, ao pairo agardando unha resolución acertada e xusta da Xustiza. A cidadanía traballa, paga e xeralmente cala. A Administración aperta e, a pesar de milleiros de casos resoltos na mesma dirección, non fala, non negocia e nunca se sabe se perde ou se gaña.
Demandantes, procuradores, letrados, persoal administrativo, de auxilio de proceso ou de xestión, letrados xudiciais, fiscais e xuíces, todos estes, e aínda máis, andan polos xulgados traballando para que a presidencia da sala dite sentencia axeitada.
Parece o conto de nunca acabar, uns contra outros e contra todos. As partes, as testemuñas, os peritos, o xurado, o tradutor e o intérprete xudicial tamén forman parte da relea dun proceso xudicial. E a verdade? Onde estará a verdade agochada?, esa verdade que, como dicía Antonio Machado, “é o que é, e segue sendo verdade aínda que se pense o contrario”.
Non serían quen de falar as partes ou os seus representantes?, para acordar e asinar, aínda que sexa cun apretón de mans, antes de colapsar os edificios da xustiza e obstruír o labor dos homes e mulleres que se dedican a ela. Parabéns para os avogados que falan sen pensar unicamente no negocio e nos intereses que produce, para aqueles que defenden a negociación entre as partes, para os que saben da importancia de negociar e conciliar. Como di a Tía Manuela, “o razoable sería ter xeito e deixarse de tanto preito”.