Mario Iglesias, baixa no Rotogal Boiro Voleibol para visitar ao Guaguas

O Rotogal Boiro Voleibol afronta este sábado 19 de novembro (ás 18.30 horas) un dos desprazamentos máis complicados da tempada. Os da Cachada visitan ao Guaguas, líder da Superliga e un dos máximos aspirantes a adxudicarse o título. O técnico Emilio Palacio non poderá contar co central Mario Iglesias nin co receptor Gaby del Carmen.

Acerca das ausencias coas que contan para medirse co Guaguas, Emilio Palacio manifesta que “para este partido, ademais de Gaby, temos a baixa de Mario Iglesias, que non vai poder viaxar. Complícasenos a posición de central, na que só contamos con dous xogadores, polo que teremos que buscar unha solución. O positivo é que si vai poder desprazarse Pablo Nieto”. Gaby del Carmen será sometido a unha resonancia magnética para determinar o alcance da lesión no nocello que se produciu no encontro contra o Conectabalear Manacor.

Acerca do Guaguas, Emilio Palacio sinala que se miden “contra o equipo que eu considero o mellor da liga, un claro favorito a gañala. Ten o persoal máis completo e xogadores con moita experiencia”. Canto ás opcións de puntuar en Canarias, o técnico do Rotogal Boiro Voleibol afirma que “a clave é que teñamos moito acerto e que o saque funcione. Estamos a competir a bo nivel, pero cunha porcentaxe baixa de ataque”.