Mar recorre ante a Xustiza o novo canon do Estado que grava as concesións en terreos adscritos aos portos autonómicos

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo este 9 de novembro un encontro con distintos representantes do sector marítimo-pesqueiro galego no que anunciou que a Xunta presentou un recurso contencioso-administrativo contra unha orde do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico que establece un novo canon que afecta ás concesións que ocupan terreos portuarios adscritos. Ou sexa, dixo, que afecta “a aquelas superficies que foi preciso ampliar despois de que os peiraos fosen transferidos polo Estado ás comunidades autónomas”.

A titular de Mar, que estivo acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, explicou que o Executivo central “introduciu esta nova taxa sen que houbese ningún cambio lexislativo que o xustifique e que as súas implicacións poñen en risco a viabilidade económica de moitas concesións vixentes nas dársenas galegas”. Amais, engadiu que “este novo canon se engade ás taxas que xa aboan os concesionarios ao ente público galego e que o seu importe nalgún caso é o dobre que o autonómico, co que os afectados terían que pagar nalgúns casos ata o triplo por ocupar eses espazos en terreos adscritos”.

Rosa Quintana subliñou que esta cuestión “xa se entrevía nos últimos informes emitidos por Costas”, pero “materializouse en maio deste ano cando o Ministerio notificou a Portos de Galicia e a un concesionario a orde ministerial na que se recolle este novo canon”. Isto, dixo, implica que as concesións que ocupan terreos ampliados en dársenas autonómicas tralas transferencias estatais a Galicia “estarían sometidas á taxa autonómica e tamén á estatal”.

Quintana detallou que “no caso concreto que serve para a presentación do recurso por parte da Xunta de Galicia, a aplicación do canon supón multiplicar por tres a taxa galega e un impacto de máis de 120.000 euros anuais, o que dificulta a viabilidade económica da concesión”. Tamén fixo saber que “hai diferentes informes emitidos polo Goberno central que mostran a súa intención de actuar do mesmo xeito con outras concesións en portos como Sada, Vilaboa, Rianxo, Sanxenxo, Combarro, Bueu, A Guarda, A Toxa ou Baiona”.

A aplicación desa orde ministerial, engadiu, “podería afectar a distintas actividades portuarias como portos deportivos, asociacións de mexilloeiros, lonxas, varadoiros e outras entidades asentadas nos peiraos”.

A conselleira considera que este “é un novo ataque ao sector do mar de Galicia” e mostra o seu desacordo con esta taxa, que “volve interferir nas competencias exclusivas da comunidade nos portos que non son de interese xeral”, sinala.

12,00 h.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, manterá un encontro con representantes do complexo mar-industria e do sector náutico-recreativo galego para analizar a situación de distintas concesións dos peiraos autonómicos. foto xoán crespo