Lousame pon en marcha a campaña “Eu digo NON á violencia de xénero”

14 Novembro 2022

O Concello de Lousame puxo en marcha a campaña de sensibilización Eu digo NON á violencia de xénero, organizada pola Concellería de Igualdade dentro da programación especial co gallo da conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero (25-N). Unha actividade que conta coa colaboración do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e do Ministerio de Igualdade.

Así, dende este luns 14 e ata o vindeiro 27 de novembro, os veciños e veciñas de Lousame terán a súa disposición os materiais da campaña na fachada da Casa do Concello, cos que deberán facerse unha fotografía, individual ou de grupo, para poñer de manifesto o seu rexeitamento á violencia sobre as mulleres. Unha imaxe que deberán compartir nas súas redes sociais etiquetando ao Concello de Lousame no seu Facebook (concello.delousame), Instagram (somoslousame) ou Twitter (@SomosLousame).

Por certo que aquelas persoas que non dispoñan de redes sociais, poden enviar as súas imaxes por WhatsApp ao 689 126 385 (que serán compartidas no Facebook do Concello).

Ao finalizar a campaña, o Concello de Lousame sorteará 6 vales de 50 euros cada un en material deportivo entre todas as persoas que participaran na campaña etiquetando ou enviando as súas fotografías. O prazo para enviar ou etiquetar fotos remata o 27 de novembro. Na semana do 28 de novembro farase público o listado de persoas participantes, dispoñendo de 24 horas para comunicar calquera incidencia antes do sorteo.

Vivas e libres

A concelleira de Igualdade de Lousame, Silvia Agrafojo, fai un chamamento á participación xa que “se trata dunha actividade dirixida non só a sensibilizar á xente sobre a importancia de previr a violencia de xénero, senón tamén de amosar o noso rexeitamento á violencia contra as mulleres e o noso total apoio ás vítimas”. Así, a campaña combina pancartas con mensaxes coma “Lousame di NON á violencia de xénero”, “Ante o maltrato, tolerancia cero” ou “25 de novembro”, con pequenos carteis cos cancelos “#VivaseLibres” ou “#eudigoNON”.

Unha campaña que foi presentada ás integrantes da XI Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero, celebrada o pasado venres. De feito, elas convertéronse nas primeiras participantes, nunha foto grupal canda a alcaldesa de Lousame Teresa Villaverde e Silvia Agrafojo: Pilar Cobas Cajuso, directora CPI Plurilingüe Cernadas de Castro; Ana María Lema Rama, do posto da Garda Civil de Noia (equipo VIOXEN); Julia Veiro Justo, psicóloga do CIM de Noia; Natividad Hermo Santos, traballadora social de Lousame; Mónica Castaño Ourille, técnica da Concellería de Igualdade; e Ángela Mª Costa Santos, enfermeira Centro de Saúde de Lousame.

De Fronte

Ademais desta campaña, o Concello de Lousame adheriuse un ano máis a campaña De Fronte, da Deputación da Coruña. O CPI Cernadas de Castro participara en dúas actividades: Ciberacción para público xuvenil: Afrontamento das violencias na Rede, unha proposta para traballar sobre a violencia dixital a través dunha ciberquedada con centros de secundaria dos concellos que se levará a cabo na mañá do mércores 23 de novembro; e Ciberacción para público infantil: Canto sabes sobre as violencias dixitais?, un xogo interactivo cunha guía didáctica para o alumnado dos cursos de 4º, 5º e 6º de Primaria.

Así mesmo, os sábados 10 e 17 de decembro a Concellería de Igualdade organizará unha nova edición do curso de defensa persoal dirixido a mulleres, impartido por membros da Federación galega de Loita. Unha actividade que se levará a cabo coa colaboración da Secretaría Xeral da Igualdade.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...