Lousame abre as inscricións no Pequetrail e Trail de Lousame 2022, que terán lugar o sábado 3 e o domingo 11 de decembro

A Andaina Solidaria / Belén de Cumes terá lugar o sábado 17 e toda a recadación irá en favor da Obra Social de Pediatría do CHUS 4 de novembro de 2022.- O Concello de Lousame vén de abrir as inscricións no Pequetrail, Trail de Lousame 2022 e Andaina Solidaria / Belén de Cumes, tres iniciativas deportivas que
terán lugar o sábado 3, o domingo 11 e o sábado 17 de decembro, respectivamente. As persoas que desexen participar xa poden anotarse na web www.emesports.es .
O Concello de Lousame oferta un total de 600 prazas para o Trail de Lousame 2022, que terá lugar o domingo 11 de decembro co polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra como punto de inicio e final. Haberá dúas modalidades: Trail Longo (18 €) e Trail Curto (15 €).
O Trail Longo terá unha lonxitude de 25,8 km, cun nivel de dificultade medio alto e cun desnivel acumulado aproximado de 1.115 metros de desnivel positivo e de 1.119 metros de desnivel negativo. A saída será ás 10:00 horas e contarán con tres avituallamentos. Pola súa banda, o Trail Curto contará cunha distancia de 16,8 km, cun nivel de dificultade medio- baixo e cun desnivel acumulado aproximado de 642 metros de desnivel positivo e de 643 metros de desnivel negativo. A saída terá lugar ás 11:00 horas e contará con dous avituallamentos.
O Concello de Lousame entregará premios aos tres primeiros clasificados nas categorías masculina e feminina do Trail Curto e do Trail Longo, así como premios especiais aos atletas máis veterano/a e ao club con maior número de participantes. A entrega de premios terá lugar no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra a iso das 14:00 horas. O Concello terá habilitadas varias zonas de aparcamento, próximas ao lugar da proba e debidamente sinalizadas, e ofrecerá servizo gratuíto de duchas e de gardarroupa.
O Trail de Lousame está organizado polo Concello de Lousame, en colaboración con Autos Comparado, AlquiNoia, Fermín Simal SL, NutriSport, Gadis, Hoka One One e Mobe. Así mesmo, conta co apoio da Secretaría Xeral para o Deporte, a Deputación da Coruña, a Xefatura Provincial de Tráfico, Protección Civil de Lousame, Cruz Vermella de Noia e da rede de voluntariado local de Lousame.
Pequetrail
Unha semana antes, o sábado 3 de novembro, será a quenda dos atletas máis novos, nados entre os anos 2005 e 2017. Neste caso, a inscrición é totalmente de balde, cun límite de cen participantes. A proba desenvolverase na contorna do polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra sobre unhas distancias e cun percorrido adaptado ás idades dos nenos e nenas participantes.
A proba desenvolverase o sábado 3 de novembro en horario de mañá, de 10:00 a 12:00 horas. Os primeiros en saír serán os cadetes e xuvenís (atletas nados entre os anos 2005 e 2008) que percorrerán uns 7 km. Os alevíns e infantís (nados entre 2009 e 2012) cubrirán unha distancia de 2 km; mentres cos Benxamíns (de 2013 a 2017) afrontarán uns 500 metros. O Concello de Lousame entregará medallas a todos os participantes, así como agasallos sorpresa ao rematar cada unha das probas.
Andaina Solidaria / Belén de Cumes
Finalmente, a Andaina Solidaria e Belén de Cumes terá lugar o sábado 17 de decembro, con saída ás 10:00 horas da praza do Concello de Lousame e chegada ao mosteiro de Toxosoutos ás 13:00 horas, onde as persoas camiñantes serán recibidas con panxoliñas e chocolate con churros. Unha andaina de 10 km que este ano mestura dous eventos tradicionais en Lousame: a andaina solidaria de fin de ano coa tradición de montar o Belén de Cumes, un típico Nacemento con figuras de gran tamaño que cada ano se adoita montar nunha igrexa e que queda aló para a súa contemplación pola veciñanza desa parroquia durante o Nadal.
Nesta ocasión, a Andaina Solidaria non terá como entidade beneficiaria á Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH), que participará como entidade colaboradora. O prezo da inscrición na andaina será de 6 euros en www.emesports.es (menores de 12 anos inscrición gratuíta) e todo o recadado será doado a favor da Obra Social de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela. Así mesmo, o Concello de Lousame habilitará unha Fila 0 para aquelas persoas que non poidan asistiren ou que desexen colaborar sen teren que percorrer eses 10 km. Nesa Fila 0, dispoñible na web www.emesports.es, poderán doar entre 1 euro e un máximo de 100 euros.
A Andaina Solidaria e Belén de Cumes está organizado polo Concello de Lousame, en colaboración con Autos Comparado, ASGPOH e a Obra Social de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.