Esgotados en menos de 12 horas os 500 cupóns de desconto de 30 euros para uso no ecommerce Ribeira Store

En menos de doce horas xa se esgotaron os 500 cupóns de desconto de 30 euros lanzados na pasada medianoite con motivo do inicio da primeira fase da campaña Amaribeira en apoio ao comercio local impulsada polo Concello.
Para utilizar estes cupóns, de uso exclusivo no marketplace Ribeira Store (https://ribeirastore.com/), hai de prazo dende hoxe luns ata o vindeiro domingo á medianoite, salvo que se esgote o saldo con antelación. Ditos descontos serán de 10 € por cada 30 € de compra, ata un máximo de 30 € de desconto por persoa usuaria, de maneira que o Concello de Ribeira subvencionará o 33,33% de cada compra.
O programa de Cupóns de Desconto Amaribeira 2022 é unha iniciativa do Concello de Ribeira que ten por obxectivo fortalecer o sector comercial e propiciar a transformación dixital dos comercios
locais, estimulando a demanda e reducindo o impacto económico negativo derivado do cesamento e das restricións da actividade comercial, como consecuencia da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.
A partir de decembro está previsto poñer en marcha a segunda fase da campaña, con bonos QR a empregar en establecementos físicos do municipio.
A campaña conta cun orzamento de 300.000 euros segundo se aprobou o pasado setembro con cargo ao remanente de tesourería. Máis información en https://amaribeira.gal/.