Doce proxectos dos Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro aspiran a converterse nas catro mellores para dinamizar o litoral de Galicia

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, presentará a terceira edición dos Premios Economía Azul para recoñecer os mellores proxectos desenvolvidos polos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP)

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, presentou hoxe no Museo do Mar de Noia a terceira edición dos Premios Economía Azul, uns recoñecementos cos que se pretende galardoar os mellores proxectos sustentables das zonas costeiras de Galicia postos en marcha ao
abeiro das axudas para iniciativas dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP).
Os premios contan con catro categorías -apoio á pesca costeira artesanal, creación de emprego, diversificación e economía circular- ás que aspiran 12 proxectos, tres por cada unha delas.
A representante da Consellería do Mar explicou que os 12 finalistas foron seleccionados por unha comisión da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro entre as propostas presentadas polos GALP tendo en conta os beneficios que xeraron para o sector pesqueiro e a súa área de influencia. Estre os aspectos considerados están a súa contribución á creación de emprego nas zonas costeiras, o reforzo da identidade, a cultura e o patrimonio local así como os elementos innovadores introducidos e a creación de oportunidades para as mulleres e a mocidade no sector marítimo-pesqueiro.
Susana Rodríguez expuxo que agora se abre o proceso de votación pública para a elección dos proxectos gañadores polo que calquera persoa pode votar desde hoxe e ata o vindeiro 25 de novembro na páxina web https://galp.xunta.gal/. Poderase votar a un proxecto dos finalistas en cada unha das catro categorías e resultará gañadora a candidatura que reciba máis votos. As iniciativas premiadas anunciaranse o 1 de
decembro nunha gala que se celebrará no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro salientou que estes galardóns van dirixidos ás entidades e persoas promotoras de proxectos subvencionados ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo dos GALP. Con eles, dixo, búscase dar visibilidade ao labor destes grupos na dinamización das zonas do litoral e animar a potenciais promotores a que presenten novas iniciativas coas que impulsar o sector marítimo-pesqueiro e preservar o patrimonio costeiro de Galicia.
Balance dos GALP
Un exemplo da súa importancia son os máis de 660 proxectos desenvolvidos desde a súa creación no ano 2016 a finais do ano pasado. Estas iniciativas recibiron máis de 38 millóns de euros de axudas cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) que supuxeron un investimento global de máis de 80 millóns de euros. A actividade económica xerada por estas accións permitiu aportar máis de 230 millóns de euros á economía galega, preto dun 0,4% do produto interior bruto (PIB) de Galicia, e a creación de máis de 4.600 empregos directos e indirectos.
A categoría de apoio á pesca costeira artesanal, incluído o marisqueo a pé, está dirixida a proxectos que aborden novas canles de comercialización, impulsen o valor dos produtos pesqueiros, favorezan o aproveitamento das especies menos coñecidas, promovan a oferta de produtos de proximidade así como solucións para o uso dos descartes.
En canto á creación de emprego, na selección tivéronse en conta as iniciativas que estimulan a economía das zonas costeiras, reforzan o seu atractivo desenvolvendo servizos de alta calidade, forman ás persoas e promoven o emprendemento no sector marítimo-pesqueiro.
A categoría de diversificación atende a proxectos que avalían novas actividades, a vinculación entre a pesca e o turismo, o impulso do turismo pesqueiro e o fomento e aproveitamento do patrimonio cultural vencellado co mar. Mentres, na de economía circular ponse o foco na reutilización, reparación e reciclaxe de materiais empregados nas actividades do sector pesqueiro así como o deseño de produtos que empreguen materiais que minimicen os residuos e a contaminación.
Os proxectos finalistas desta terceira edición son: Ao premio a mellor proxecto de apoio á pesca costeira artesanal:

  1. Narón emprende en azul. Concello de Narón (GALP Golfo Ártabro Norte).
  2. Mellora do proceso produtivo do polbo de lonxa. Confraría de pescadores de Lira (GALP Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia Costa Sostible).
  3. Acondicionamento do espazo da lonxa de Portonovo para a mellora do uso turístico e comercial implantando novas tecnoloxías – enLonxaTour. Confraría de Pescadores de Portonovo (GALP Ría de Pontevedra).
    Ao premio a mellor proxecto de creación de emprego:
  4. Pazo de Trasariz Seafoof Events. Trasariz Desarrollo Inmobiliario SL (GALP Costa da Morte).
  5. Seafood Market Mama Celia. Manuel Cartamil Obelleiro (GALP Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia Costa Sostible).
  6. Produción de algas comestibles das Rías Baixas galegas. H.Q. Seaweed SL (GALP Ría de Vigo-A Guarda).
    Ao premio a mellor proxecto de diversificación:
  7. Creación da aula do mar A Mariña. Asociación de Saúde Mental A Mariña (GALP A Mariña – Ortegal).
  8. Restaurante Material: O Abrigo do Nordés. Nordés Material SL (GALP Costa da Morte).
  9. Pescaturismo Praia de Sanxenxo. Sauro Martínez Durán (GALP Ría de Pontevedra).
    Ao premio a mellor proxecto de economía circular:
  10. Centro de transformación do lixo mariño. Asociación de mulleres do sector pesqueiro Seo de Fisterra e Ría de Muros-Noia (GALP Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia Costa Sostible).
  11. Amegrove Coida o Mar – Amecomar. Amegrove Sociedade Cooperativa Galega (GALP Ría de Arousa).
  12. Fabricación de produtos con materiais reutilizados e residuos procedentes da manufactura. Nordés Veleria SL (GALP Ría de Pontevedra).