As persoas participantes no Obradoiro Tahume VIII de Porto do Son e Ribeira reciben formación sobre ciberviolencias

O Obradoiro Tahume VIII, impulsado conxuntamente polos Concellos de Porto do Son e Ribeira para incrementar a formación profesional da veciñanza e mellorar a súa empregabilidade, tivo estes días unha vertente marcadamente tecnolóxica. En concreto, o alumnado, a través de varias sesións, formouse en novas ferramentas dixitais dende unha perspectiva de xénero, aprendendo a localizar e combater ciberviolencias en diferentes canles en liña e máis nos medios de comunicación. As actividades formativas foron impartidas por ReTnova Proxectia Consulting e nelas ensinouse ás persoas participantes a “identificar diferentes formas de exercer a violencia, con especial énfase naquelas que utilizan as redes sociais e Internet”. Estas actividades encádranse na celebración deste 25-N, Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Como dixemos, o Obradoiro de Emprego Tahume é unha iniciativa dirixida a favorecer a inserción laboral das persoas desempregadas dos dous municipios a través de formación especializada, avanzada e dunha índole marcadamente práctica, poñendo o foco na mocidade local. Un total de vinte alumnos e alumnas participan nesta convocatoria. Esta oitava edición é dual, xa que están a ser impartidas dúas especialidades distintas, por unha banda operacións básicas de cociña e pastelería e, pola outra, confección e montaxe de artes e aparellos.