Adxudicados por case 85.000 euros o primeiro dos traballos para restaurar os hábitats de Ons, Sálvora e Cíes

07 Novembro 2022

A Xunta adxudicou por un importe de case 85.000 euros o servizo para eliminación de especies exóticas invasoras no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. Trátase da primeira das actuacións que se impulsan no marco do chamado LIFE Insular, proxecto transnacional cunha vixencia prevista de 5 anos e que ten como fin “acadar a restauración integrada dos hábitats insulares dos arquipélagos de Cíes, Ons e Sálvora”.

En concreto, o contrato adxudicado inclúe accións para a mellora da estrutura e funcionalidade de dous tipos de hábitats propios destas illas a través da eliminación e control, mediante métodos manuais, de especies exóticas invasoras de flora. As actuacións que se van levar a cabo están planificadas ao longo do que queda de 2022 e durante todo 2023 e permitirán intervir sobre unha superficie total de 145,6 hectáreas.

A respecto do devandito a Consellería de Medio Ambiente lembra que o obxectivo principal do proxecto LIFE Insular é “promover un estado de conservación favorábel dos hábitats de illas pertencentes á Rede Natura 2000 no Océano Atlántico, ao tempo que se aumenta a súa resiliencia como medida de adaptación ao cambio climático”. Cos ditos obxectivos, porase o foco de atención sobre 8 Zonas de Especial Conservación localizadas en 5 illas que son (ademais das tres galegas xa citadas) La Graciosa, en Canarias, e Irlanda.

O papel de coordinadora dos traballos recaerá sobre a Universidade de Santiago de Compostela, mentres que o Goberno galego, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, encargarase da execución técnica, tal e como se recolle no convenio asinado o pasado verán entre ambos organismos. Os outros socios que se beneficiarán do proxecto europeo son o Organismo Autónomo de Parques Nacionais e, pola parte irlandesa, o Department of Housing, Local Government and Heritage e o Coillte CGA.

Aguiño e O Carreiro coa illa de Sálvora ao fondo

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...