A Xunta salienta o traballo ambiental de Muros coa concesión da Bandeira Verde de Galicia

A Xunta recoñeceu o compromiso do Concello de Muros co medio ambiente e a conservación da paisaxe coa concesión da Bandeira Verde de Galicia, un distintivo que este municipio recibe por primeira vez e que busca “fortalecer a imaxe das vilas e pobos máis comprometidos nos ámbitos ambiental, paisaxístico e de respecto ao patrimonio natural”.

Durante o izado deste distintivo no concello muradán, no que estivo acompañado pola alcaldesa, Inés Monteagudo, o director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, salientou “a ampla actividade municipal nos ámbitos da valorización do territorio e da paisaxe con múltiples acciones relacionadas co cambio climático, os elementos do patrimonio cultural ou os ecosistemas presentes no municipio -algúns en Rede Natura- como exposicións, visitas guiadas, obradoiros ou a plantación de especies autóctonas”.

A maiores, o director do IET tamén enxalzou outras accións desenvolvidas polo Concello como “a mellora da eficiencia enerxética coa substitución do alumeado público por un sistema de luminarias menos contaminantes ou as accións desenvolvidas co obxectivo de mellorar a xestión dos residuos incorporando a compostaxe doméstica así como avances na reciclaxe e na reutilización”.

A Bandeira Verde de Galicia, creada no ano 2020, pretende distinguir aos municipios máis dinámicos no desenvolvemento de accións e boas prácticas para ordenar o territorio, protexer o medio ambiente e a paisaxe; para afrontar o cambio climático e mellorar a eficiencia enerxética; para xestionar de xeito responsábel os residuos municipais, e para sensibilizar a cidadanía nesta materia. Se na súa primeira edición -2020- se entregaron 2 bandeiras verdes, este ano son 15 os municipios distinguidos, 6 máis que o pasado 2021.