A web play.aritmar.com dá impulso á creación musical e poética da mocidade galego-portuguesa

10 Novembro 2022

Este mércores 9 de novembro presentouse en Santiago, no Pazo de San Roque, unha nova web para impulsar na mocidade a creación musical e poética galego-portuguesa. Trátase dun proxecto impulsado pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago, visíbel e accesíbel en play.aritmar.com, que conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O responsábel deste departamento, Valentín García, participou presentación da web e indicou que esta ferramenta axuda a achegar a creación actual en galego á mocidade “a través dun medio no que esta se move con soltura, que é Internet” e sinalou que a xente que visite o sitio play.aritmar.com “comprenderá que pode atopar na lingua propia de Galicia o estilo de música ou de poesía que lle gusta, sexa cal for, porque temos moita variedade”.

Canda o secretario xeral de Política Lingüística tamén participaron no acto Gonzalo Constenla, director da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela; Daniel Martín, deseñador da plataforma; Vítor Bello, representante de Nordesía, empresa produtora de aRi[t]mar, e a cantante Uxía, madriña do certame.

Segundo fixeron saber, esta plataforma en liña aglutina músicas e poesías dos diferentes artistas que resultaron gañadores ou optaron aos diferentes premios dentro de cada categoría nalgunha das edicións do aRi[t]mar, vixente desde 2016. En total, o servizo conta con máis dun cento de cancións e poesías de autores e autoras como Guadi Galego, Sés, Salvador Sobral, Ana Moura, Manuel Rivas, Lupe Gómez, Ana Luisa Amaral ou Nuno Júdice, entre moitos outros.

Os contidos son accesíbeis a través de vídeos musicais e vídeo-poemas, principalmente. Porén, a aplicación web tamén conta con versións escritas das poesías, así como das letras das cancións, e mais con material que tenta enriquecer a experiencia de uso. Ademais, explicaron na presentación, “as persoas usuarias poden acceder a todos os materiais a través dun navegador calquera desde o dispositivo que desexen, pois a visualización é moi semellante á dunha app, aínda que coas vantaxes e flexibilidade propias dunha versión web”.

Premios da música e poesía galego-portuguesa

aRi[t]mar é un proxecto didáctico e cultural que busca afianzar os vínculos lingüísticos e culturais entre ámbalas beiras da raia, divulgando a música e a poesía galego-portuguesa actuais. Conta co patrocinio da Xunta, da Deputación da Coruña, do Concello de Santiago, do Instituto Camões e da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal. Ademais, tamén colaboran neste proxecto a Facultade de Filoloxía da USC, o Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela, as Escolas Oficiais de Lugo e Pontevedra, o Centro Cultural Português de Vigo-Instituto Camões e os centros do Ensino Português a través de Camões na Galiza.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Meus irmáns” – Xulio Xiz

“Meus irmáns” – Xulio Xiz

Fóronse meus dous irmáns: Mato, o maior, e Santi, o pequeno. O maior, morreume hai unhas semanas. O máis novo, o día do Pai. Se Xesús tivo vida longa e froitífera, Santi foise moi cedo despois de poñer unha pica en Bristol. Os tres somos tamén agora irmáns en terra:...