A programación pobrense do 25-N reivindica a educación en igualdade como base da prevención da violencia de xénero

18 Novembro 2022

A Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal activa un ampla axenda dirixida a toda a poboación co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que se conmemora no 25 de novembro. Ponse así o foco na importancia da educación en igualdade como base da prevención e erradicación da violencia de xénero.
Ao acto de presentación asistiron o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra); a asesora xurídica á muller, María Pérez; e a axente de igualdade, Carolina Rodríguez.
A edil incide en que as mulleres asasinadas non son só unha cifra e que a través da educación se precisa “un cambio de mentalidade que debe ser unha realidade.” A este respecto, apunta que na localidade hai activos 16 casos, 16 mulleres que teñen algunha medida de protección. O rexedor tamén fai fincapé no obxectivo de concienciar á sociedade e de loitar contra esta problemática dende a raíz.
O programa esténdese a todo novembro, de feito, algunhas actividades xa comezaron a principios de mes. Un exemplo é o inicio no día 8 de Muller Dixital; un proxecto impulsado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que chega á localidade coa colaboración da Concellaría da Igualdade. Esta acción formativa procura que mulleres desempregadas ou en mellora de emprego adquiran competencias dixitais para así reduci-la fenda de xénero a través da capacitación dixital. As clases impártense de luns a venres na aula de estudo situada na planta superior da biblioteca municipal e contan con 20 participantes.
O apartado das artes escénicas centrouse na representación da peza teatral Miss Docet no día 12. Compañía Eléctrica subiuse ás táboas do Elma para achegarlle ao público a figura de Emilia Docet, muller viguesa coñecida por se-la Miss España Galeguista, quen destacou como nadadora durante a República, estudou para ser perita mercantil e formou parte do Partido Galeguista. Recupérase así, dende a escena, a memoria histórica e o papel de loita dunha xeración de galegas que fixeron vale-los seus dereitos a pesar das represalias da época. A función representouse ao abeiro do programa de Igualdade da Deputación da Coruña.
Tamén hai oco para as exposicións que convidan á reflexión sobre o papel das mulleres ao longo da historia: a mostra Nós somos elas artéllase sobre a visión de vinte e catro poetas arredor de imaxes do Arquivo Vidal protagonizadas por mulleres. Fotografías e palabras, pasado e presente conflúen nesta exhibición que chega á casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler na última quincena de novembro coa cooperación da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e a área da Igualdade da Deputación da Coruña.
A quenda dos faladoiros terá lugar no propio día 25. O teatro cine Elma dará cabida, ás 19.00 horas, a un videoforum coa proxección das curtametraxes El orden de las cosas, Libre directo e As mulleres falan para posterior debate moderado pola xornalista Marga Pazos. O acto será introducido pola lectura dun manifesto.
Na xornada seguinte, día 26, habilitarase na praza do Emigrante, en horario de mañá, o stand Agresión Off: Eu digo non á violencia de xénero.
Esta iniciativa ten como obxectivo a loita contra as violencias exercidas nas mulleres a través de obradoiros de sensibilización e actividades lúdicas da man da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e para tódolos públicos.
Así mesmo, continúase coas accións orientadas aos centros educativos do municipio. Na próxima semana levaranse sesións de contacontos con Troskita aos colexios da infantil e primaria para que o estudantado adquira estratexias para a resolución pacífica dos conflitos.
Tamén destinado a primaria, concretamente aos cursos de 5° e 6°, artéllase un obradoiro creativo artístico-dixital contra a violencia a desenvolver na Casa da Mocidade. Consta da fabricación en 3D dunchaveiro con motivo do 25-N que se complementará con xogos interactivos para a sensibilización sobre a prevención da violencia de xénero.
Dirixida a idades máis avanzadas, Esther Buela, protagonista do libro Calladita no eres más bonita, relatará no CPR Divino Maestro, no 22 de novembro, e no IES da Pobra do Caramiñal, no 1 de decembro, a súa experiencia vital como vítima de violencia machista. O texto plasma a historia de varias mulleres novas que sufriron esta eiva social.
A maiores, alumnado do instituto asiste nestas semanas ao coloquio Violencia de xénero e o novo contexto dixital impulsada pola Secretaría Xeral da Igualdade. Aquí abórdase a prevención das novas formas de violencia que xorden nun mundo dixitalizado.
Continúa, ademais, aberto o prazo do concurso de ideas para a escultura en homenaxe ás vítimas da violencia de xénero. A obra gañadora estará premiada cunha dotación económica de 3 000 euros, a entrega dun diploma e a adxudicación da realización da talla por un importe máximo de 9 000 euros. A segunda mellor valorada será galardoada cun accésit.
As bases completas están ó dispor en www.apobra.gal.
Novamente, a Administración local aposta por seguir adherida á campaña DE FRONTE á violencia de xénero, impulsada pola Deputación da Coruña, ademais de continuar coa difusión de En negro contra as violencias, que tanto calado tivo anos atrás.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Meus irmáns” – Xulio Xiz

“Meus irmáns” – Xulio Xiz

Fóronse meus dous irmáns: Mato, o maior, e Santi, o pequeno. O maior, morreume hai unhas semanas. O máis novo, o día do Pai. Se Xesús tivo vida longa e froitífera, Santi foise moi cedo despois de poñer unha pica en Bristol. Os tres somos tamén agora irmáns en terra:...