A patronal de Ribeira informa aos seus socios dos avances no novo polígono (que acadou a solución do expediente ambiental)

A Asociación de Empresarios de Ribeira emitiu un novo comunicado relativo ao proxecto para materializar o novo polígono industrial do concello. No comunicado a patronal fai saber que este martes 15 de novembro, segundo coa rolda de contactos que periodicamente ten a entidade co alcalde (Manuel Ruiz) ao abeiro da cuestión do novo complexo industrial, solicitou información sobre o curso da tramitación do mesmo, para posteriormente trasladarlla aos socios interesados na obtención de parcelas con vistas á construción de naves para as súas respectivas empresas.

Durante o desenvolvemento da reunión cos asociados explicáronse os logros xa obtidos, entre os que destacan que xa se lle deu o visto e prace ao expediente de medio ambiente, quedando este “definitivamente resolto”, así como que “xa están en curso os trámites de expropiación dos terreos” e que tamén “se espera conseguir a aprobación do expediente de urbanismo en datas inmediatas, co que se pasará logo á parte de adxudicación das parcelas e os plans construtivos das mesmas”.

A patronal engade no comunicado que “aínda que o proceso sexa lento, pois os trámites burocráticos son moitos, o tan ansiado polígono parece que vai navegando con bo rumbo nesta longa singradura”.

A Asociación de Empresarios de Ribeira tamén quixo deixar constancia “do inxente traballo realizado para a consecución deste proxecto” e expresou o seu desexo de que “axiña se vexa por fin materializado o novo polígono”. Amais, comunicou ao alcalde o apoio dos empresarios no camiño que resta por percorrer, “para que Ribeira alcance as cotas de progreso que pola súa poboación, industria e puxanza merece”.

E conclúen: “Non podemos quedarnos atrás e celebramos con sa envexa ver que os polígonos dos municipios limítrofes están ao límite de ocupación. Esperamos que as administracións nos axuden, xestionando con rapidez os expedientes, para unirnos a eles e lograr así un desenvolvemento en todo o Barbanza que garanta o futuro dos nosos fillos e netos”.