A nova oferta formativo-laboral da Pobra pon o foco en competencias clave e a informática

O Concello da Pobra presentou este venres 4 de novembro dúas novas accións formativas para mellorar a empregabilidade e a capacitación da cidadanía. As dúas propostas, financiadas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o Ministerio da Educación e Formación Profesional, son dous dous certificados de profesionalidade que abranguen as competencias clave, por unha banda, e a informática, pola outra, que se van desenvolver no CPR Divino Maestro.

Foi precisamente no Divino Maestro onde tivo lugar a presentación coa concelleira do Desenvolvemento Local, Amparo Cerecedo (BNG); o axente de emprego e desenvolvemento local, Luís Miguel Domínguez; a orientadora laboral do Concello, Blanca Álvarez; e Chefa Bretal, directora do centro.

A edil fixo fincapé en que “o emprego é algo fundamental, pero sempre ten que ir parello dunha cualificación profesional, por iso apostamos pola formación”. Este itinerario xorde así das reunións periódicas mantidas cos centros de ensino da localidade.

Segundo explicou, as competencias clave constitúen unha ponte para acceder ao título de graduada/o na ESO para aquelas persoas que cursaron unicamente EXB, ademais de seguir avanzando nos distintos niveis da formación profesional. Adquirirán así coñecementos en competencia matemática do nivel 2 e comunicación en lingua galega e castelá do nivel 2. As clases comezarán no 23 de novembro, de 08.50 a 13.50 horas.

No que respecta ao de informática, afondarase nas operacións de gravación e tratamento de datos e documentos, que permitirá ocupar postos de traballo como auxiliar de oficina, de arquivo, de dixitalización ou operador/a documental, entre outros. Transcorrerá a partir do día 12 de decembro, dende 16.00 a 21.00 horas.

Tamén se disporá de axudas económicas en función da situación persoal.

Existe un número máximo de 15 prazas por certificado, un 80% dirixido a persoas desempregadas e un 20% a ocupadas. O prazo de matrícula xa está aberto e o trámite deberase formalizar no dito centro de estudos. Máis información no teléfono de contacto do Servizo de Orientación Laboral do Concello: 981 377 610.