A nova andaina de Outes reivindicou a contorna do Castelo

Este domingo 13 de novembro celebrouse unha nova saída en Outes para reivindicar o seu rico patrimonio cultural, patrimonial e paisaxístico: unha nova xeira das andainas Coñece o noso Patrimonio, organizadas dende a área de Cultura do Concello. Foi unha camiñada que levou aos participantes até o Castelo de Outes e nela participaron unhas vinte persoas. Desenvolveuse baixo o epígrafe Camiñando cara a orixe do concello de Outes.

As andainas, que comezaron a finais do verán, teñen as inscricións abertas na Casa da Cultura (no teléfono 981 850 950). O seu obxectivo é “achegar a veciños e residentes novas oportunidades de coñecer en persoa as importantes riquezas naturais, culturais e paisaxísticas do termo municipal”.

O programa inclúe andainas á Carleo pasando polo Cristo de Baneo (a do 11 de setembro), á Torre dos Mouros e as fervenzas de San Paio (este 25 de setembro con saída ás 9.00 dende a Igrexa de San Lourenzo), a San Tirso de Cando e á Catedral da Electricidade (o 9 de outubro saíndo da igrexa de San Tirso de Cando), ao punto orixinario do concello de Outes (o 23 de outubro, con saída da Eira do Carme, en Brión de Arriba), a Santa Lucía por Entíns (o día 6 de novembro con saída da Igrexa de Santa María de Entíns), e á Igrexa de Roo (o 20 de novembro).