A Mostra de Teatro de Aguiño comezou con “La Casa de Bernarda Alba” e prosegue este sábado con “O enredo”

O pasado sábado 5 de novembro comezou en Aguiño, na sede do Conservatorio, a edición XIII da Mostra de Teatro Afeccionado Francisco Lorenzo Mariño organizada pola entidade veciñal que leva o nome do benquerido párroco Francisco Lorenzo (Paco de Aguiño), que oficiou de sacerdote da parroquia dende 1959 até o ano do seu falecemento, 2004. A mostra inaugurouse co espectáculo La casa de Bernarda Alba de Federico García Lorca a cargo da compañía Noite Bohemia da Coruña e dirixida por Javier Fernández Mariño. Segundo a asociación, o inicio do certame coa inmortal obra de García Lorca foi unha éxito de entrada, con máis de 150 espectadores/as.

Elvira Pisos inaugurando a mostra

A mostra foi presentada antes da función pola presidenta da entidade Elvira Pisos, acompañada da familia Yáñez con María, Fernando, Lucas e Hugo, este último afectado pola enfermidade de Dent, representantes da asociación Art For Dent á que se lle adica esta edición do programa teatral de xeito benéfico, recadando doazóns, habilitando unha fila 0 solidaria e distribuíndose material cos que xuntar fondos extra (venda de camisetas, cuncas, lotaría, etc).

A entrada ás funcións é de balde e cóntase co apoio do Concello de Ribeira e a Deputación da Coruña e empresas como CONRESA, Digar de Artes, Farmacia Mariño de Aguiño, Combustibles Puebla e Fripusa.

Esta semana, o sábado 12 de novembro representarase o espectáculo O enredo de A Tequerreté de Teo. A función empezará ás 20.00 horas e as portas do local abrirán media hora antes, seguiranse a recoller donativos para Art For Dent, ao igual que os restantes sábados do mes.