A Mesa lanza unha campaña participativa para reclamar a nosa toponimia oficial en navegadores e aplicacións

A Mesa pola Normalización Lingüística anunciou esta semana, no marco dunha charla coloquio na defensa da toponimia da ría de Ribadeo, o lanzamento da campaña Polo seu nome, coa que busca mobilizar a poboación pola restauración da toponimia en navegadores e aplicacións de mapas dixitais. “Nun contexto de agresións á toponimia consentidas polas autoridades responsábeis de garantir o seu respecto”, explicaron fontes da entidade, “salientamos a forza da acción colectiva na defensa do rastro no territorio da nosa existencia como pobo”.

Segundo fixo saber o presidente da Mesa, Marcos Maceira, a campaña reclama das compañías de mapas dixitais e navegación “a restitución da toponimia nas súas aplicacións”, sinalizando os lugares unicamente coas formas galegas, lexítimas e oficiais e empregando como base de datos fiábel e válida a incluída no nomenclátor oficial de Galiza.

A iniciativa, que xa está na web e nas redes sociais e que chegará tamén aos concellos, ao Parlamento galego e ao Congreso, acompañarase de accións de todo tipo, incluídas as xudiciais, para, engadiu Maceira, “salvagardar dereitos que tanto custou conquistar e que hoxe están a ser postos en cuestión”. O obxectivo, dixo, é “que a sociedade e o conxunto de poderes públicos actúen decididamente diante destas empresas para que corrixan e restitúan todas as denominacións deturpadas”.

A Mesa afirma que o elemento con máis incidencia na última vaga castelanidora é a que emprega as aplicacións de navegación e xeolocalización. Os casos máis coñecidos son os de Google Maps ou Apple Maps. A organización pola nosa lingua lembra que a deturpación dos nomes de lugar reprodúcese a través de outras aplicacións, redes sociais ou páxinas web, introducindo ao tempo novas deturpacións en nomes de lugar que até o de agora non se viran afectadas polas ondas anteriores. “Chega a extremos de envíos postais ou de mensaxaría que non se reciben no seu destino por o nome oficial e de uso común non coincidir coa forma deturpada que só existe nos mapas das aplicacións, mais que por influencia destas aplicacións acaba por comezar a se estender”, engaden fontes da Mesa acerca da dita problemática, aclarando que “o uso correcto da toponimia non pode ficar a expensas da configuración que se estabelece para estes programas”.

O caso da ría de Ribadeo

En relación á modificación do nome da ría de Ribadeo proposta polo goberno de Asturias, A Mesa presentou alegacións conxuntamente coa Plataforma de Mariños de Ribadeo e está disposta a defender onde for preciso o nome galego e único lexítimo como único oficial. A organización galega sinala que a base destas alegacións “non está en criterios de tipo histórico-científico determinado por institucións competentes como a Comisión de Toponimia de Galicia, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, o Instituto da Lingua Galega ou o Grupo de Investigación de Análise Territorial da Universidade de Santiago de Compostela, senón en que estas institucións son as que teñen lexitimidade para determinaren e valoraren que nomes son os propios da lingua galega nas súas diferentes variedades territoriais, incluída a do Eo-Navia. Todas elas coinciden en que o único nome posíbel é Ría de Ribadeo”.