A Biblioteca de Rianxo acollerá obradoiros sobre mulleres, embarazo e posparto os meses de novembro e decembro

O Concello de Rianxo (Servizo de Igualdade) vai organizar esta tempada unha serie de obradoiros para mulleres e familias, co obxectivo de achegar coñecemento e recursos sobre o embarazo e posparto. Trátase do programa de actividades Corpo é Vida, un proxecto que “nace da importancia de acompañar e dar espazo aos cambios non só físicos, senón emocionais, psicolóxicos e da propia identidade que se dan durante o embarazo, parto e posparto”, sinala o Concello, que engade que outro dos obxectivos é “poñer os coidados no centro do foco, e a maternidade e crianza coma a base da sociedade na que vivimos”.

Falarase, entre outras cuestións, de vida, emocións, medos, cambios, morte, do, sexualidade, corpo, amor e vertixe. nunha “viaxe transformadora sempre e idealizada e descoñecida moitas veces”.

O proxecto estrutúrase en 7 sesións de dúas horas de duración cada unha delas:

-Luns 14 de novembro: Sesión 1 Corpo e vida: embarazo, emocións, identidade e autocoidado.

-Luns 21 de novembro: Sesión 2: Corpo e vida: cerebro de nai, vencello co bebé e historia de vida.

-Luns 28 de novembro: Sesión 3: Corpo e vida: viaxe ao planeta parto.

-Luns 5 de decembro: Sesión 4: Corpo e vida: nacer e morrer, os dós na maternidade

-Luns 12 de decembro: Sesión 5: Corpo e vida: apego e construción do vencello ao outro lado da pel.

-Luns 19 de decembro: Sesión 6: Corpo e vida: luces e sombras do posparto.

-Luns 26 de decembro: Sesión 7: Corpo e vida: construírse na nova identidade, indo máis alá da boa e a mala nai.

Os obradoiros desenvolveranse os luns de novembro e decembro en horario de 17:30 a 19:30h na Biblioteca Municipal de Rianxo

Van dirixidos a mulleres embarazadas ou que acaban de ser nais e as súas parellas/acompañantes

Os contidos serán impartidos por Natalia Guedella Sebastián, psicóloga colexiada, especialista en Psicoloxía Perinatal, formada en terapia familiar, apego, trauma, e con formación estándar en EMDR.

Contactos

Servizo de Igualdade do Concello de Rianxo – Teléfono: 981972731-981860061-604024012

Matrona do Centro de Saúde de Rianxo – Teléfono: 981843668