Licitados o primeiro dos traballos para restaurar os hábitats das illas Cíes, Ons e Sálvora no marco do proxecto transnacional “Life insular”

01 Outubro 2022
Foto Joferpa

A Xunta acaba de licitar por un importe de case 85.000 euros o servizo para eliminación de especies exóticas invasoras no Parque Nacional marítimo-terrestre das illas atlánticas de Galicia. Trátase da primeira das actuacións que se impulsan no marco do chamado LIFE Insular, un proxecto transnacional cunha vixencia prevista de 5 anos e que ten como fin acadar a restauración integrada dos hábitats insulares dos arquipélagos de Cíes, Ons e Sálvora.

En concreto, o contrato licitado inclúe accións para a mellora da estrutura e funcionalidade de dous tipos de hábitats propios destas illas a través da eliminación e control, mediante métodos manuais, de especies exóticas invasoras de flora. As actuacións que se van levar a cabo están planificadas ao longo do que queda de 2022 e durante todo 2023 e permitirán intervir sobre unha superficie total de 145,6 hectáreas.

Cómpre subliñar que o obxectivo principal do proxecto LIFE Insular é promover un estado de conservación favorable dos hábitats de illas pertencentes á Rede Natura 2000 no Océano Atlántico, ao tempo que se aumenta a súa resiliencia como medida de adaptación ao cambio climático. A tal fin, porase o foco de atención sobre 8 Zonas de Especial Conservación localizadas en 5 illas que son —ademais das tres galegas xa citadas— La Graciosa, en Canarias, e Irlanda.

O papel de coordinadora dos traballos recaerá sobre a Universidade de Santiago de Compostela, mentres que o Goberno galego, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, se encargará da execución técnica, tal e como se recolle no convenio asinado o pasado verán entre ambos organismos. Os outros socios que se beneficiarán do proxecto europeo son o Organismo Autónomo de Parques Nacionais e, pola parte irlandesa, o Department of Housing, Local Government and Heritage e o Coillte CGA.

Minimizar os efectos do cambio climático

A través da iniciativa LIFE Insular minimizarase o impacto de posibles perturbacións externas sobre as zonas de actuación —risco de vendavais, erosión eólica catastrófica…— e buscarase tamén unha recuperación da paisaxe natural destas illas co reto de “reverter” a situación á que había 70 anos atrás.

Para acadar estes obxectivos, o proxecto prevé executar sobre o terreo unha serie de actuacións centradas nos tipos de hábitats 2130 e 4030, correspondentes ás dunas costeiras con vexetación herbácea e aos queirogais secos europeos (brezales).

Precisamente con este fin, a Consellería acaba de licitar o primeiro dos contratos previstos durante os vindeiros anos, destinado neste caso concreto a intervir sobre a flora terrestre exótica invasora presente en Cíes, Ons e Sálvora e que incide no estado de conservación dos hábitats insulares antes mencionados.

Así mesmo, o proxecto inclúe unha estratexia de sensibilización e difusión pública mediante xornadas en datas sinaladas, como o Día da Rede Natura 2000 ou o Día europeo dos parques nacionais, así como accións de voluntariado, talleres escolares e colocación de paneis informativos, entre outras. Por último, tamén se prevé un plan de conservación unha vez rematado o LIFE Insular —con data de finalización prevista para o 31 de decembro de 2026—, o que permitiría darlle seguimento e continuidade.

Orzamento plurianual

Cun orzamento de máis de 5,2 millóns de euros a executar ata 2026, á Xunta corresponderanlle case 750.000 euros, dos cales 300.000 euros irán destinados a gastos en investimentos; mentres que a USC terá un financiamento asignado de 1,08 millóns como beneficiario coordinador.

A achega económica do proxecto por parte da Unión Europea ascenderá a 3,95 millóns de euros canalizados a través do programa LIFE, dedicado de forma exclusiva ao medio ambiente e á acción polo clima.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Fiscal y la corrupción”. José Castro López

“El Fiscal y la corrupción”. José Castro López

José Castro LópezLa semana pasada “enriquecí” mi carpeta de noticias raras y curiosas incorporando unanueva que, si me la cuentan y no la veo publicada en medios serios, no la hubieracreído: “El Fiscal General del Estado y el ministro presidente de la Comisión Federal...