“Cuestión de prioridades: galegos de Galicia ou galegos en América?”. Antón Luaces

Semella que a viaxe de Alfonso Rueda, presidente da Xunta, a Argentina e Uruguai -países nos que residen máis de 200.00 galegos- non é da satisfación do secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, quen criticou esta viaxe de Rueda a Iberoamérica  ao entender que “hai outras prioridades” e que a primeira viaxe como presidente da Xunta “tería que ser a Bruxelas” para tratar da “prohibición da pesca de arrastre que afecta a case que un 30% da frota galega”.

O veto europeo á pesca de fondo obrigou a Formoso a lembrar que o presidente de Andalucía xa o fixera, sendo moito menor o impacto nesa comunidade autónoma dos problemas pesqueiros emanados da Comisión de Pesca, e que Galicia ten diante sí un problema irresoluto que só se pode eliminar se todos remamos na dirección correcta. Mais: é incorrecto levar aos galegos de Iberoamérica o recendo da alma da súa terra?. É necesario prescindir dunha destas dúas cuestións para facer que cadre o decidido cos formulación dun ou doutro partido?.

Nasa miña vida como xornalista tiven a oportunidade de compartir con galegos de Cuba, de Venezuela, de Argentina, a vivencia de compartir con presidentes como González Laxe, Fraga Iribarne, etc. ese encontro cos galegos da outra banda do Atlántico, e sei de que sirven estas visitas. Entre outras cousas, para non e sentir sós.

Pero sei tamén o que os galegos de Galicia senten -sentimos- cando en Bruxelas se toman decisións  que prexudican aos nosos intereses pesqueiro. E indubidablemente, o ataque furibundo do eurocomisario Sinkevicius ao sector pesqueiro español é un canonazo directo á liña de frotación a armadores e tripulantes, asentadores, transportistas, peixeiras, etc., que en Galicia tanto dependen das augas atlánticas nororientais.-

Eis o problema: a quen atender primeiro, aos galegos de aquí ou aos galegos de acolá?. Alfonso Rueda debe ir a Bruxelas a laiarse polo que non acadou o Goberno español en Consello de Ministros da UE, ou ir a Argentina e Uruguai a levar un agarimo a eses 200.000 galegos aló residentes?. Cal, primeiro?.

Concordo con Formoso: é prioritario o asunto da Pesca. Imponse, polo tanto, viaxar a Bruxelas. Pero sexamos realistas: un presidente da Xunta “pinta” tanto na capital belga e no seo da UE como un merlo meténdose de cheo nunha silveira. O que en  Bruxelas non faga un ministro de Agricultura e Pesca como Luis Planas ou un presidente do Goberno como Pedro Sánchez, non o vai facer un presidente dunha comunidade autónoma española por moito que esta deba ao Club comunitario por máis barcos que esta teña pendentes dunha resolución ao seu problema de prohibición de artes de pesca de fondo.

É certo que a Argentina e Uruguai tamén se pode ir noutra ocasión. Pero a chamada electoral tamén marca os tempos políticos e partidistas. Non si?.