Queremos Galego estará este sábado en Noia, O Son e Boiro convocando apoios para as mobilizacións do 17

13 Maio 2022

A plataforma Queremos Galego, integrada por máis de medio milleiro de entidades sociais e culturais da nosa terra, vai realizar estes días na nosa comarca diversas actividades para recadar apoios de cara ao 17 de maio e a manifestación en Santiago “por un futuro para a nosa lingua”, na que se esixirá un apoio máis firme dos Gobernos autonómico e central a prol do galego. En concreto, a plataforma terá mesas informativas en Porto do Son, Noia e Boiro, e tamén noutras localidades da contorna.

O equipo comarcal de Queremos Galego informarán este sábado no Mercado de Porto do Son e o domingo na Praza da Feira de Noia da manifestación que se celebrará o 17 de maio polas rúas de Compostela para “evidenciar que a situación do galego é reversível” e “que hai alternativas e vontade colectiva para mudar a tendencia negativa para a lingua”. Recordan que haberá transporte, para facilitar o desprazamento. En Boiro, a plataforma estará presesente na rúa Peoníl, tamén o sábado pola mañá a partir das 11.30 horas.

Sol Agra, responsábel de Queremos Galego na nosa comarca, recorda que “todos os avances para o galego se conseguiron pola perseverancia e polo esforzo do pobo, como a incorporación do galego ao catálogo de Netflix ou a recente sentenza do TSXG contra Facenda por atacar os dereitos lingüísticos dun cidadán galego”. Agra advirte que “a sociedade galega está soa, sen institucións que a amparen na defensa da lingua” e salientou que “é hora de que isto mude e os poderes públicos, comezando polo novo presidente da Xunta, abandonen a súa política de agresión sistemática ao galego e comecen a exercer a súa responsabilidade na defensa dos intereses de Galiza e da súa lingua”.

A plataforma reclama a posibilidade de vivir “en galego agora e sempre” e denuncia “que o ensino e unha limitadísima oferta audiovisual en galego botan abaixo os esforzos das familias por garantiren a transmisión da lingua”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...