Os socialistas piden á Xunta ampliar ás tardes o servizo do PAC de Rianxo

19 Maio 2022

Este xoves 19 de maio a deputada socialista Noa Díaz pediu ao SERGAS que ofreza servizo polas tardes no Punto de Atención Continuada (PAC) de Rianxo, “tal e como acontece na práctica totalidade destes servizos médicos en Galicia”. Fíxoo, logo de realizar unha visita ao municipio xunto á voceira municipal, María del Carmen Figueira, e presentar unha batería de iniciativas no Parlamento. Segundo comentou respecto das orixes do problema que convida a solucionar, “malia o enorme esforzo do persoal facultativo e técnico, o Centro de Saúde de Rianxo ofrece unha atención sanitaria moi deficitaria durante a quenda de tarde”. O resultado, dixo, é “que as persoas usuarias que acoden polas tardes tardan dúas semanas en concertar unha cita co seu médico mesmo para renovar as receitas e non atopan resposta na atención telefónica, véndose obrigadas a acudir de xeito presencial ao centro”.

Esta situación, sinalou a socialista, “ten boa parte de explicación na inexistencia do punto de atención continuada en horario de tarde os días laborábeis, xa que só funciona de 22:00 a 8:00 horas”, co que “ao non dispor dese servizo de urxencias polas tardes, as persoas que precisan de atención médica desprázanse ao centro igualmente, de xeito que o persoal facultativo desa quenda ten que atender os seus doentes e tamén os casos imprevistos, co conseguinte desbordamento na carga de traballo que lles supón”.

Amais, Diaz criticou que “moitas doentes acoden ao servizo de PAC para consultas que deberan tramitarse pola vía ordinaria, froito da saturación existente que provoca desorde na xestión dos casos que fan as persoas usuarias e unha disfunción dos servizos”.

Por todo isto, e “para ofrecer un servizo de saúde digno” a toda a poboación do concello de Rianxo, Díaz sinalou que “faise necesario dotar a quenda ordinaria da tarde do persoal suficiente e adiantar o horario do PAC ás 15:00 horas, como reclaman máis de 3.000 rianxeiras e rianxeiros” coas súas sinaturas que xa entregaron ao SERGAS.

Outros artigos

As augas de Tanxil, As Cunchas e Torre, cualificadas de excelentes

O Concello de Rianxo informou esta semana que as tres praias locais incluídas no Rexistro de Augas de Baño de Galicia (Tanxil, As Cunchas e A Torre) foron cualificadas polo Servizo Galego de Saúde como de “calidade excelente". Ademais, os tres areais están incluídos...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...