O Pazo de Goiáns recupera o seu esplendor

16 Maio 2022

O Concello de Boiro realizou esta tarde a inauguración do Pazo de Goiáns logo das obras de rehabilitación do inmoble principal, coincidindo coa programación das Letras Galegas 2022. Na inauguración interviron o alcalde, José Ramón Romero, e o deputado de Cultura, Xurxo Couto; e a programación contou tamén coa presentación do caderno nº6 de Follas Novas. Revista de Estudos Rosalianos; e unha actuación de Laura Lamontagne e Pico Amperio.
Na súa intervención o alcalde falou da historia do Pazo e das obras de rehabilitación que comezaron no ano 2019. “Cada detalle desta rehabilitación foi escollido con mimo e con moito gusto, intentando salvagardar todos aqueles elementos orixinais e conservar a súa esencia”, recoñeceu o alcalde. José
Ramón Romero agradeceu o traballo de todas as persoas e colectivos que traballaron para a súa recuperación e que “o Pazo de Goiáns chegue hoxe ás mans ás que pertence: ás do pobo de Boiro”.
O Concello de Boiro vai seguir traballando agora para recuperar as demais edificacións que conforman a finca e por dotar o espazo de contido, atendendo ás aportacións de colectivos e veciñanza. O deputado de Cultura, Xurxo Couto, agradeceu o convite e animou a seguir realizando actividades e eventos “neste escenario que hoxe se inaugura”.
Máis dun cento de persoas asistiron esta tarde á inauguración, entre os que estiveron membros da corporación local, ex alcaldes do municipio e membros de antigas corporacións locais, tamén representantes de entidades e asociacións e os membros da Comisión de Planificación e Futuro do Pazo de Goiáns.
A programación das Letras Galegas 2022 deu comezo coa presentación do caderno nº6 de Follas Novas. Revista de Estudos Rosalianos e que contou coa intervención de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía; e Xosé Luis Axeitos, director de Follas Novas, acompañados polo alcalde e a concelleira de Cultura. Os actos do día en Goiáns remataron co concerto de Laura Lamontagne e Pico Amperio.
A Concelleira de Cultura, María Outeiral, anunciou os cambios na programación das Letras Galegas debido á previsión meteorolóxica e convidou a toda a veciñanza a achegarse este martes a Goiáns para coñecer o Pazo, visitar o mercado de artesanía, asistir ás presentacións literarias a cargo de Barbantia, á sesión vermú con pulpeira ou o baile tradicional.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Na memoria da veciñanza”. Luís Celeiro

“Na memoria da veciñanza”. Luís Celeiro

Ela pensaba que morría aquela mesma noite. Despídese das amizades, dos poucosfamiliares que lle quedaban, vai ao refuxio dos animais abandonados e dálle un bico a cadaun dos cadelos e a algunha das cadelas que moraban naquel espazo cheirento, naquel lugarque fedía e...