O Pazo de Goiáns (Boiro) volverá ser un dos grandes referentes galegos da Festa das Letras

12 Maio 2022

O Pazo de Goiáns (e a súa finca) vai ser novamente o escenario da celebración das Letras Galegas a nivel local. Serao grazas á undécima edición da Romaría das Letras (organizada polo Concello coa colaboración da Asociación Barbantia), cuxa inauguración está prevista para o 16 de maio pola tarde , coincidindo coa plantación dunha figueira da horta de Rosalía e coa presentación do número 6 da revista Follas Novas. A programación do luns 16 vaise completar coa actuación de Laura Lamontagne e Pico Amperio e tamén da compañía Nova Galega de Danza. A significativa xornada, véspera das Letras, tamén foi elixida polo Concello para inaugurar oficialmente a nova faciana do Pazo de Goiáns e a súa contorna paisaxística, xoia da arquitectura civil barbanzá e galega. A inauguración está prevista para as 19.30 horas.

O día 17 de maio haberá programación durante todo o día. A apertura de portas farase a partir das 11.00 horas e haberá postos de artesanía; un photocall das Letras Galegas sobre a figura de Florencio Delgado Gurriarán; libreiros e polbeiras. Haberá baile galego coas entidades locais Xilbarbeira, Aroña e Abeloura; sesión vermú con Os da Porfía; xantar popular cos Pequenos do Barbanza.

Pola tarde serán as presentacións literarias a cargo da Asociación Cultural Barbantia. Daranse a coñecer O caso dos amantes de París de Miguel Alonso; e Florencio Delgado Gurriarán. Polos vieiros da saudade, de Héctor Cajaraville. Pola tarde serán tamén as actuacións de Esperanza Mara, do grupo de teatro Airiños; Xisco Feijóo e Baiuca.

Ademais da programación propia das Letras, dende a Concellería de Cultura de Boiro realizáronse propostas para todo o mes de maio. Estas comezan o 13 con Viravai no Parque de Cachada, e proseguen no mesmo escenario o 20 coa función Carteiro en bicicleta. O día 20 (na Casa da Cultura) preséntase o libro A segunda república en Boiro (1931 -1936) de Antón Gallardo e o 21, no Centro Social de Boiro, celébrase o Ciclo de Cine Mestre Mateo. Ademais, o día 22 a Casa da Cultura acollerá unha homenaxe a Machín e o 27 o Parque da Cachada unha ludoteca itinerante con xogos infantís. O día 4 de xuño volvemos ao Pazo de Goiáns da man da Banda do Conservatorio de Noia. As actividades proseguirán en xuño e xullo.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...