O Museo Naval de Ferrol inaugura este xoves a mostra “Bravura” sobre os 100 anos do naufraxio do Santa Isabel

04 Maio 2022

O Museo Naval de Ferrol acolle desde este xoves a mostra “Bravura” sobre o naufraxio do vapor-correo Santa Isabel.

A mostra, que permanecerá no Museo Naval durante dous meses, é froito do acordo asinado entre o Concello de Ribeira e a entidade museística. “Bravura” estivo no Museo Municipal de Ribeira durante o ano 2021, coincidindo co centenario do naufraxio no que faleceron 213 persoas e se salvaron outras 53.

O acto inaugural contará coa presencia do Almirante do Arsenal , Vicealmirante Ignacio Frutos Ruiz, e nel participarán o Alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz Rivas, o Tenente Alcalde de Viveiro, Jesús Fernández Fernández, a Concelleira de Urbanismo e Cultura de Ribeira, María Sampedro e o Presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea Paz.

Na inauguración intervirán o director do Museo de Ribeira e Comisario da Exposición, Miguel Vidal Lojo, o historiador e xornalista ribeirense, José María Fernández Pazos e o historiador de Viveiro, José Luis Moar Rivera, rematando o acto, María del Carmen Cebreiro González, filla de Luis Cebreiro López, segundo oficial do Santa Isabel e grande heroe do vapor-correo coas heroínas e heroes do Santa Isabel.

Bravura relata o suceso desde a saída do vapor da costa de Euskadi ata o seu accidente nos baixos da Pegar, en Sálvora, ademais do seu contexto cun capítulo especial dedicado á emigración, no que se fai un repaso da emigración en Ribeira nos anos 20 e 30 a través do singular Libro de emigrantes deste concello. Na exposición pódense ver obxectos orixinais do barco como unha campá ou a luxosa vaixela de prata rescatada do naufraxio. Tamén as medallas que recibiu o Luis Cebreiro ou a creada especialmente para as Heroínas de Sálvora.

Lembrar que o Santa Isabel naufragou fronte a illa de Sálvora o 2 de xaneiro de 1921, con 266 persoas a bordo. Foi o maior desastre da navegación marítima de pasaxe do século XX en España, ocasionando a morte de 213 vítimas.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Meus irmáns” – Xulio Xiz

“Meus irmáns” – Xulio Xiz

Fóronse meus dous irmáns: Mato, o maior, e Santi, o pequeno. O maior, morreume hai unhas semanas. O máis novo, o día do Pai. Se Xesús tivo vida longa e froitífera, Santi foise moi cedo despois de poñer unha pica en Bristol. Os tres somos tamén agora irmáns en terra:...