O campionato de fotografía submarina en pecios ten un cita en Porto do Son o día 21 de maio

05 Maio 2022

O proxecto RIMARTES (Riquezas do mar, tesouros do profundo) incluíu Porto do Son entre as localidades onde se vai desenvolver o seu I Campionato de fotografía submarina en pecios, que se leva a cabo en diferentes localizacións ao longo deste mes de maio. A cita no Son será o día 21 e contarase coa presenza dos integrantes de Mergullo Compostela. A cita será especialmente acaída para seareiras/os do mergullo recreativo e da fotografía submarina. Podemos consultar as bases do certame na web de RIMARTES.

Datas

➡ 14/05 | Malpica – 9:00 h.

➡ 15/05 | Fisterra – 9:00 h.

➡ 21/05 | #PortoDoSon con Mergullo Compostela 💙

➡ 28/05 | Mariña deportiva da Coruña

Organiza

O certame vén da man do proxecto RIMARTES e conta co patrocinio da Deputación da Coruña. Apoio técnico: FEGAS Federación Gallega de Actividades Subacuáticas. Rimartes é un proxecto de turismo experiencial promovido polos GALP Costa da Morte, GALP Golfo Ártabro Sur e o GALP Costa Sustentábel.

Máis información

O I Campionato de fotografía submarina en pecios RIMARTES é un certame que persegue a promoción das actividades subacuáticas recreativas na contorna dos pecios situados no ámbito dos ditos grupos de acción pesqueira. En xeral, o territorio do tres GALP abrangue uns 300 quilómetros de costa na provincia da Coruña e 25 municipios que son, de norte a sur: Bergondo, Sada, Oleiros, Cambre, Culleredo, A Coruña, Arteixo, A Laracha, Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Laxe, Vimianzo, Camariñas, Muxía, Fisterra, Cee, Corcubión, Dumbría, Carnota, Muros, Outes, Noia e Porto do Son.

RIMARTES é un proxecto de promoción do coñecemento do patrimonio subacuático, a protección dos recursos para a súa posta en valor e o aproveitamento social, cultural, turístico, sustentábel e económico da presenza de barcos afundidos no litoral de interese histórico ou arqueolóxico.

Esta iniciativa enfoca os seus esforzos á dinamización dos diferentes centros de mergullo que ofrecen servizo no territorio mediante diferentes accións de promoción, sensibilización e divulgación.

A Federación Galega de Actividades Subacuáticas (FEGAS) é a entidade oficial que aglutina a todos os clubs e deportistas federados nesta especialidade. Traballa tanto no fomento do deporte como na promoción das actividades subacuáticas e as boas prácticas, sendo ademais un ente autorizado en materia de organización de competicións e accións de promoción do mergullo.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...