O 8 de setembro data proposta para o inicio do curso en Infantil e Bacharelato

02 Maio 2022

A Xunta de Galicia propoñerá o vindeiro xoves na mesa sectorial adiantar o inicio do curso escolar ao 8 de setembro en todas as etapas educativas.

Deste xeito, segundo informa a administración autonómica, unifícase o calendario escolar, que ata o momento incluía diferentes datas para Infantil e Primaria das de ESO e Bacharelato e facilítase a conciliación da vida laboral e familiar.

Tal e como recolle o documento enviado este luns ás organizacións sindicais, a proposta é iniciar as clases o 8 de setembro de 2022 e finalizalas o 21 de xuño de 2023, salvo nos ensinos de réxime especial (que finalizarían o 30 de xuño) e 2º curso de Bacharelato (que se axustaría ao calendario da ABAU). Este cambio prodúcese tras a eliminación na nova lei educativa dos exames de recuperación en ESO.

Os períodos de vacacións escolares irían do día 23 de decembro ao 6 de xaneiro, ambos inclusive, en Nadal; os días 20, 21 e 22 de febreiro para o Entroido; e desde o día 3 ao 10 de abril, ambos os incluídos, para a Semana Santa.

No referido ao período de adaptación, a Xunta asegura que “se deseña un modelo axustado ás necesidades das familias”. Desta forma, os centros poderán optar por unha incorporación gradual do alumnado de 4º de Infantil, que non se prolongará máis aló do 16 de setembro .

Deberán ter en conta a escolarización previa do alumnado na etapa 0-3 anos, a existencia de irmáns ou irmás no centro e as necesidades familiares. Garantirase, en todo caso, atención a tempo completo do alumnado cuxas familias así o soliciten.

En canto ao reforzo de competencias na ESO, o Goberno galego mantén para o próximo curso unha sesión de avaliación previa á avaliación final que se celebraría a partir do 5 de xuño e que terá como obxectivo favorecer o afianzamento de contidos e competencias entre o alumnado.

Tras este período de reforzo, no que as direccións dos centros poderán adaptar o horario das clases para ofrecer o mellor servizo e apoio ao alumnado que máis o precisa, a avaliación final da etapa desenvolveríase a partir de 22 de xuño. Esta adaptación de horarios será aplicable tamén aos docentes de Bacharelato e FP.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...