No Portal da Lingua todo o relativo ás probas CELGA 2022, que comezan este mes de maio

05 Maio 2022

A Secretaría Xeral de Política Lingüística informou da publicación das datas para a realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega, CELGA 1, 2, 3 e 4,  en Santiago de Compostela e Ponferrada. As 2.370 persoas inscritas poden optar este ano a cursos titorizados e tamén de autoformación online. Daranse cita nos meses de maio e xuño en Ponferrada (para o CELGA 4, 3 e 2) e en Santiago de Compostela, tanto no IES Antonio Fraguas (para o CELGA 4, 3 e 2) como na Escola Galega de Administración Pública (para o CELGA 1).

As probas CELGA 4, en Santiago de Compostela e Ponferrada, serán o 28 e 29 de maio. As do CELGA 3, tamén en ambas as localizacións, o 4 de xuño e as do CELGA 2, o 5 de xuño. O día 11 de xuño realizaranse as probas do CELGA 1 tan só en Santiago de Compostela.

Tanto os horarios de realización como as listaxes definitivas de persoas admitidas para cada nivel poden consultarse no Portal da Lingua Galega da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que informa que tamén se vai publicar neste espazo web (na semana de cada unha das probas), a porta de acceso ao centro e mais a aula asignada a cada persoa para a realización da proba escrita.

Respecto da proba oral de cada nivel, o departamento que dirixe Valentín García explica que esta proba terá lugar o mesmo día cá escrita. A hora concreta en que cada persoa deberá estar presente para realizar esta proba publicarase no centro correspondente, así como no Portal da Lingua Galega, unha vez que remate a proba escrita.

No caso daquelas persoas ás que, atendendo a causas xustificadas, se lles concedese algún tipo de adaptación ou apoio, a Secretaría Xeral de Política Lingüística comunicaralles directamente o día, a porta de acceso e a aula correspondentes.

A previsión é que, como en anos anteriores, se volva publicar unha segunda convocatoria para a realización de máis exames antes de que remate o 2022.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Meus irmáns” – Xulio Xiz

“Meus irmáns” – Xulio Xiz

Fóronse meus dous irmáns: Mato, o maior, e Santi, o pequeno. O maior, morreume hai unhas semanas. O máis novo, o día do Pai. Se Xesús tivo vida longa e froitífera, Santi foise moi cedo despois de poñer unha pica en Bristol. Os tres somos tamén agora irmáns en terra:...