Maria Rivas visita Boiro para coñecer polo miúdo o proxecto de mellora do Mercado Municipal

05 Maio 2022

A vila de Boiro recibiu este xoves 5 de maio a visita da subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas. Fíxoo para coñecer o investimento que se vai realizar no Mercado Municipal e no comercio local, con vistas a mellorar os servizos do inmóbel e impulsar a competitividade, a innovación e a transformación nos establecementos. Este investimento farase no marco da subvención que o Concello de Boiro recibe do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. O alcalde, José Ramón Romero, acompañou á subdelegada na visita, na que estiveron tamén o concelleiro de Comercio, Marcos Fajardo, o concelleiro de Promoción Económica, Carlos Muñiz, e representantes da Asociación Boirense de Empresarios (ABE), Daniel García e Suso Santamaría.

“Hoxe é un deses días nos que comprobamos como a xestión pública alcanza a súa verdadeira dimensión. Non é outra que mellorar a vida dos cidadáns e facer avanzar os pobos. Temos unha oportunidade única para transformar o turismo e o comercio de Galicia cara ao futuro, cun modelo sustentábel, dixital e competitivo”, afirmou a subdelegada.

O investimento

O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo vén de seleccionar a iniciativa de Boiro cunha achega de 237.642 euros dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia para a mellora de mercados urbanos sustentábeis. Unha actuación coa que se vai reformar o Mercado Municipal e, tamén, impulsar campañas de promoción de comercio, dixitalización, instalación de puntos Wi-Fi de acceso a Internet. “Quero destacar o traballo conxunto entre o Concello e a ABE para a elaboración deste proxecto e co que se vai realizar unha actuación integral para mellorar o comercio local”, afirmou o alcalde, José Ramón Romero, quen transmitiu á subdelegada outros asuntos de relevancia no municipio como é a seguridade no ocio nocturno, e tamén outros proxectos nos que traballa o Goberno local como son a vindeira construción dunha residencia da terceira idade e máis ampliación de solo industrial no municipio.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...