Dodro reivindica ao seu poeta local Eusebio Lorenzo Baleirón na festa do 17 de maio

05 Maio 2022

O Concello de Dodro presentou a súa axenda de actividades para o 17 de maio, un programa que destaca pola cantidade e pola calidade das propostas incluídas e que se celebra baixo un epígrafe moi conmemorativo: Mil primaveras máis para as Letras Galegas. As accións previstas levaranse a cabo durante a semana do 17 de maio. Comezarán o luns, 16 de maio, ás 20.00 h., coa realización da Ruta Literaria Os días olvidados, homenaxe ao insigne poeta de Dodro, Eusebio Lorenzo Baleirón.

O punto de partida da ruta será o CPI de Dodro. Este acto, segundo sinala Cultura do Concello, terá un especial significación “pois constitúe unha reivindicación publica para que a Real Academia da Lingua Galega atenda á solicitude do Concello e lle dedique o Día das Letras Galegas a Eusebio Lorenzo Baleirón, demanda que Dodro e o seu pobo manteñen desde hai anos, tendo en conta o legado cultural excepcional que deixou o poeta local”. Un legado que inclúe xoias literarias como Os días olvidados, O corpo e as sombras, O libro das viaxes e dos soños e A morte presentida, esta última editada postumamente en 1988.

Referente da creación poética galega

Segundo engade o Concello, Eusebio Lorenzo Baleirón, é un referente da creación poética galega, como tamén o é o certame que leva o seu nome, un dos máis antigos de Galicia, que trinta e catro anos despois da súa creación segue servindo de estímulo á produción lírica na nosa lingua. No ano 2021, foi merecedora deste galardón Clepsidras, primeira obra poética da consagrada escritora, Inma López Silva. O Concello de Dodro dedicará o acto central das Letras Galegas á presentación desta publicación. O evento terá lugar ás 17.30 horas, no CPI de Dodro e estará amenizado pola actuación musical de Su Garrido Pombo.

A entrega da última edición do premio literario a Inma Lṕpez Silva

Os actos festivos continuarán o mércores, 18 de maio, ás 20.00 horas, cunha nova presentación literaria. Neste caso, trátase do último traballo de Anxo Angueira Palmeiras, piueiros (Chan da Pólvora) obra co que o autor regresa logo de quince anos de silencio poético. Este evento contará coa actuación musical de Secho e celebrarase en Manselle, aldea natal de Anxo Angueira, no caso de choiva trasladarase á Casa da Cultura de Dodro.

O xoves, 19 de maio será a quenda da conferencia Rías Altas, Rías Baixas, a cargo de Roxelio Pérez Moreira, doutor en Ciencias Biolóxicas, ex-Profesor do Departamento de Edafoloxía da USC (1984-2021) e fotógrafo da Natureza, do patrimonio natural e paisaxístico de Galicia. Actividade que se desenvolverá na Casa da Cultura, as 20.00 horas.

Para clausurar esta semana das Letras Galegas, o sábado 21 de maio será a data escollida para a presentación oficial da ruta literaria Rosalía nos Camiños, deseñada polos Concellos de Dodro, Padrón e Rois, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro. Trátase dunha senda de 15 quilómetros que percorre os municipios da comarca do Sar, pasando por algunhas das paraxes mencionadas no poemario de Rosalía de Castro, En las orillas del Sar. Este itinerario permite coñecer o lugar de Fondóns, en Rois, o Paseo do Espolón, o Santiaguiño do Monte, a Igrexa de Iria Flavia, a Casa Museo e a praza Ramón Tojo, en Padrón e xa, en Dodro, o palacio de Lestrobe, a praza do Mercado, a fonte de Santa María e as Torres de Hermida. A ruta con saída e chegada no Espolón de Padrón, estará sinalizada con fitos de pedra realizados polo canteiro José Conde, que levan esculpida unha figueira deseñada polo escultor Camilo Seira. O inicio da actividade será ás 16.30 horas no Paseo do Espolón en Padrón, xunto a escultura da nosa poeta máis célebre.

O Concello de Dodro quere convidar a toda a poboación a “sumarse a esta celebración” e “festexar o seu compromiso pola defensa da nosa cultura e identidade como pobo, traballando colectivamente por mil primaveras máis para a lingua galega”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...