As actividades polo Día das Letras Galegas protagonizarán o Maio das Letras da Pobra

03 Maio 2022

A Pobra do Caramiñal dedicará unha extensa programación a Florencio Delgado Gurriarán,
homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2022. Trátase dunha axenda cultural deseñada co obxectivo de achega-la figura e obra do poeta a toda a veciñanza, e que se enmarca á súa vez no calendario do Maio das Letras, polo cal será un mes moi dinámico, tal e como anunciaron a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), e a técnica municipal desta área, Fita Sanisidro.
Parte das actividades está especialmente pensada para as novas xeracións de pobrenses. Así, nos días 9 e 10, o estudantado do IES aventurarase no escape room titulado Na procura do galego, focalizado
nunha recreación do dormitorio de Florencio Delgado no mesmo día en que decide saír de España. Para completa-lo desafío será preciso descubrir diversos documentos importantes para o futuro da literatura
galega.


No día 14 emprenderase a xincana infantil Na busca das letras, para a cal se recollerá o material no Cantón da Leña, ás 17.30 horas. Percorreranse distintas rúas e prazas da vila buscando información sobre persoeiros das letras galegas que levarán a descubri-lo código que abre o cofre máxico e contén agasallos para tódalas persoas participantes. A este respecto, a edil Patricia Lojo manifestou que “pretendemos implicar no coñecemento e promoción da lingua galega a mocidade do noso concello, con
actividades lúdicas que lle permitan descubri-lo apaixonante mundo das letras.”
Un céntrico espazo da localidade como é o Cantón da Leña acollerá no día 16, ás 18.00 horas, a Primavera das Letras da Real Academia Galega, que consistirá no obradoiro Coloreando con Florencio e no contacontos Son o poeta que cruzou o océano, con texto de Ledicia Costa e ilustración de Blanca Millán. A narración oral continuará no día 19 cun novo contacontos, O eco das pedras, a cargo de Raquel Queizás na biblioteca municipal Victoriano García Martí, ás 18.00 horas.
No propio 17 de maio, ás 12.30 horas, terá lugar a apertura da mostra Letras Galegas 2022. Florencio Delgado Gurriarán, que se instalará nos Xardíns de Valle-Inclán, e a lectura de poemas a cargo de Eiradela, ademais de animación de rúa da man dos grupos de música tradicional Caraveiros, Trécola e Xiada.


O eido musical desenvolverase tamén no día 15, ás 19.30 horas, co festival de baile e música tradicional Agrupación Caramiñas e as Letras e, no día 21, ás 20.00 horas, co concerto da coral Abrente Cantos de aquí e acolá. Ámbalas citas serán ofrecidas pola Asociación de Amas de Casa e serán no teatro cine Elma.
A maiores, vencellado ó Maio das Letras, no día 6, ás 20.30 horas, procederase na casa da cultura Raquel Fernández Soler coa inauguración dunha exposición de Manuel Teira e a introdución do volume Arthur
Rimbaud. Iluminacións – Unha tempada no inferno, con tradución e notas de Manuel Cartea.
No 18 de maio, Día Internacional dos Museos, estrearase no Museo Valle- Inclán a exhibición dos carteis das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán ó longo dos seus vinte e tres anos de traxectoria.
E, no día 20, o Auditorio do Museo Valle-Inclán acollerá, ás 20.30 horas, a entrega do IV Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro e a presentación da obra gañadora desta edición: Por mor de cinco pizzas ós catro queixos, de Xosé Antonio Neira Cruz. As persoas asistentes recibirán como agasallo un exemplar do libro. A entrada é libre ata completa-la cabida.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Na memoria da veciñanza”. Luís Celeiro

“Na memoria da veciñanza”. Luís Celeiro

Ela pensaba que morría aquela mesma noite. Despídese das amizades, dos poucosfamiliares que lle quedaban, vai ao refuxio dos animais abandonados e dálle un bico a cadaun dos cadelos e a algunha das cadelas que moraban naquel espazo cheirento, naquel lugarque fedía e...