A Pobra celebra o Día Internacional dos Museos cunha exposición e un concurso

18 Maio 2022

O Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal estreou unha nova exposición con motivo do Día Internacional dos Museos, que se conmemora neste 18 de maio. A mostra consiste nunha exhibición dos carteis das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán que traza un percorrido polos seus 23 anos de traxectoria. As ilustracións ficarán visíbeis ata finais de mes e as visitas pódense efectuar de martes a venres, en horario de 10.00 a 15.00 horas, e sábados, de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas.

A xeito de inauguración e celebración, este mércores 18 de maio achegáronse ata a institución museística local dous grupos de alumnado do CEP Salustiano Rey Eiras guiados pola técnica do Museo, Araceli Abad. Asistiron, ademais, a un itinerario guiado por distintos espazos da localidade ligados á vida e obra de Valle-Inclán da man de Ángeles Tubío, unha das técnicas do Turismo.

A maiores, a Concellaría da Cultura lanzou a primeira edición do concurso que busca o cartel para a promoción da próxima convocatoria das xornadas, segundo anunciou a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE) xunto con Dolores Devesa, membro do persoal municipal adscrito ó Museo. No certame, aberto a propostas de técnica e deseño libre (inspiradas na figura de Ramón del Valle-Inclán), poden participar cantas persoas artistas e deseñadoras estean interesadas, maiores de 18 anos. Entregarase un máximo de dúas obras por autor/a e proporcionaranse tamén en formato dixitalizado.

Ademais da publicación da lámina, o premio suporá unha dotación económica de 700 euros.

O prazo de recepción de orixinais remata no 15 de agosto e deberanse presentar no Museo Valle-Inclán, no rexistro do Concello ou por correo certificado. O xurado estará composto por persoal relacionado co mundo da cultura e deseño. No outono ampliarase a mostra coa incorporación dos traballos presentados. As bases completas están ó dispor na páxina web www.apobra.gal.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...