A nosa rapazada ergueu a voz contra as noticias falsas nas redes

06 Maio 2022

Silleda acolleu este 5 de maio unha importante actividade xuvenil contra as fake news, a desinformación, o racismo e as agresións a través das redes. Foi unha xuntanza na que participaron uns cen alumnos e alumnas de Secundaria de Boiro, Brión, Bueu, Silleda e Viana do Bolo. Na xeira de traballo tiveron ocasión de crear micro-vídeos advertindo do impacto negativo que teñen as novas falsas e a xenofobia en medios convencionais pero sobre todo dixitais, por ser os máis seguidos polos adolescentes.

Fixérono nun encontro intercentros ou hackathon incluído no proxecto EpDLab que, en palabras do director IES Pintor Colmeiro de Silleda pon o foco no papel do diálogo, da educación e do xornalismo nun contexto convulso como o actual.

Para combater esta problemática, elaboraron unha serie de micro-vídeos nos que se dirixen principalmente ás e aos adolescentes, pero tamén ás persoas adultas, para advertirlles “que todas e todos podemos ter actitudes racistas sen nos decatar”; que “debemos contrastar as informacións que recibimos, especialmente, a través das redes sociais, porque poden ser falsas”; e que “os bulos e o discurso do odio vai sempre en contra da xente máis vulnerábel”.

A rapazada participante no hackathon advertiu tamén de “que coas nosas actitudes podemos facer unha sociedade mellor, evitando o uso de estereotipos, desmentindo desinformacións e denunciando os contidos racistas que vemos nas redes”. E engadiron: “A clave para conseguir un entorno dixital máis diverso, igualitario e inclusivo é ter máis empatía e reivindicar que todos os seres humanos debemos ter os mesmos dereitos”.

A xeira deste xoves en Silleda foi unha xornada intensiva de traballo creativo conxunto na que participou todo o alumnado vinculado este curso ao EpdLab, un proxecto de innovación educativa que ven desenvolvendo a Asociación Galega de Comunicación Social (Agareso) dende 2015 en centros de toda Galicia e que traballa temáticas como o sexismo, as migracións, o medio ambiente, o consumo responsábel, a veracidade das mensaxes e as fake news, a cooperación internacional, o voluntariado e o activismo a través de ferramentas da comunicación dixital como os memes, os GIF, as técnicas de stop motion, os microvídeos dende o móbil ou a contrapublicidade.

EpDLab é un proxecto educativo que xorde a partir da reflexión colectiva de varios grupos da ESO en Galicia, máis outros grupos en El Salvador e República Dominicana. O alumnado traballa con ferramentas TIC para crear e difundir na Rede contidos ao redor da igualdade de dereitos, da participación responsábel e da xustiza social. O EpDLab está deseñado e desenvolvido polo equipo técnico de Agareso e financiado por Cooperación Galega.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...