A Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños celebra os seus 30 anos de andaina protexendo as especies do noso litoral

10 Maio 2022

A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) celebra estes días os seus 30 anos de andaina: tres décadas de incansábel e desinteresado traballo a prol da defensa do medio natural na nosa costa, contribuíndo á preservación e recuperación de todo tipo de especies (non só mamíferos) e á creación dun modelo axeitado de convivencia entre os seres humanos e a biodiversidade do noso litoral. A coordinadora CEMMA foi posta en marcha tal día como este luns 9 de maio, collendo impulso dende o Museo de Historia Natural Luis Iglesias da Universidade de Santiago (a raíz das investigacións realizadas arredor dun esqueleto de balea azul) e logo constituíndose como tal no Grove, en 1992, tal e como relata Alfredo López, biólogo da organización medioambiental, dende o Facebook da mesma.

Fitos

Segundo fai saber a coordinadora nun balance elaborado con motivo deste aniversario, a traxectoria destes 30 anos levou a unha asistencia de 7.416 varamentos, dos cales foron detectados 510 exemplares varados con vida, o 50% liberados directamente, a maioría cetáceos e 182 ingresados, a maioría lobos mariños e tartarugas mariñas, destes exemplares foron rehabilitados e devoltos ao mar máis do 70%.

Ademais, durante a campaña de monitoraxe costeira, entre 2003-2011 foron realizadas 3.696 repeticións nos 53 puntos da rede, durante 2275 horas e realizados 794 albiscamentos de 7 especies de cetáceos.

As campañas marítimas ofrecen un resultado de máis de 62 mil km percorridos no mar, en máis de 6.500 horas e foron rexistrados uns 2.200 albiscamentos de 15 especies cunha taxa de encontro dun albiscamento cada 28,8 km percorridos.

Nas campañas de fotoidentificación de arroaces foron percorridos máis de 16 mil km en máis de 1.500 horas, nos que se fixeron 500 localizacións, cunha media de 3,3 h de observación e 38,4 km percorridos por albiscamento. Obtivéronse decenas de miles de fotografías das que se identificaron máis de 500 aletas diferentes, algúns dos exemplares seguidos máis de 20 anos.

Neste período foron rexistradas máis de 6.500 observacións no mar, moitos deles oportunistas. A pesar de que a maior parte dos cetáceos observados son arroaces e golfiños comúns, tamén foron observados toniñas, arroaces, arroaces botos e caldeiróns, balea común, balea alibranca e candorcas.

Nas diferentes actividades divulgativas e de educación ambiental participaron neste tempo máis de 20 mil persoas.

Mostra conmemorativa da coordinadora

Actividades

A CEMMA porá en marcha a partir de agora diferentes actos de conmemoración do 30 aniversario, neste sentido instalou, como primeiro acto, unha exposición no Centro de Interpretación Ambiental da Siradella no Grove, en lembranza da primeira exposición inaugurada no mesmo centro no 1994. A exposición conta con paneis e material óseo provinte dos varamentos e estará instalada no centro os meses de maio e xuño.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hacia la España federal”. Xosé Perozo

“Hacia la España federal”. Xosé Perozo

Si se cumplen las predicciones demoscópicas, el próximo domingo EH Bildu ganará las elecciones en el País Vasco, superando por primera vez al PNV en escaños y en votos. El fenómeno de crecimiento abertzale está rasgando las vestiduras de muchos politólogos y...