Dezaseis colexios e 973 alumnos da provincia coñecen o Patrimonio do Camiño co programa “Vexo veo Xacobeo”

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá ao alumnado de Infantil e Primaria do Ceip plurigüe de Vedra, onde participou na actividade do programa “Vexo, veo Xacobeo”, creado no marco da programación do Xacobeo 21-22 co obxectivo de promover o coñecemento do fenómeno
da peregrinación. Na visita  interactuou nesta iniciativa posta en marcha para dar a coñecer os valores do Camiño de Santiago.
Trenor explicou que un dos principais obxectivos deste programa é promover a realización de proxectos interdisciplinarios que fomenten o papel activo do alumnado ante os desafíos sociais, económicos e medioambientais da sociedade actual e do futuro. Ademais, búscase que este tipo de actividades poidan servir de modelo de traballo ou de boa práctica, tanto para o propio centro en que se orixinan como para o resto da comunidade educativa galega.
O delegado destacou que “con esta actividade multidisciplinar estamos achegando ao alumnado o significado e os valores do Camiño de Santiago e o Xacobeo para poder traballar, dende as primeiras etapas, estes conceptos que forman parte da súa contorna social e cultural”
No caso provincia da Coruña  o programa lévase a cabo nun total de dezaseis colexios.
Concretamente, na área de Santiago na cidade no Ceip de Vite e no de Roxos, en Villestro; en Oroso no Ceip de Sigüeiro e no do Camiño Inglés; en Melide no Ceip Martagona e no Mestre Pastor Barral e en Padrón no Ceip Pousana. Nestes centros participaron na actividade un total de 514 alumnos.
Na comarca da Coruña participaron na cidade os Ceip Curros Enríquez, Alborada, Juan Fernández Latorre e Víctor López Seoane e do Concello de Culleredo o Ceip Ría do Burgo cun total de 290 alumnos participantes.
Na comarca de Bergantiños Costa da Morte colaborou con este programa o Ceip Santa Eulalia de Dumbría con 34 alumnos e na comarca do Barbanza en Rianxo o Ceip Alonso D. Rodríguez Castelao e o Ceip Salustiano Rey da Pobra do Caramiñal que xuntos implicaron a 145 alumnos de infantil e primaria.
 “Vexo, veo Xacobeo” naceu en 2021 para divulgar, sensibilizar e promover os Camiños de Santiago e do Xacobeo, a través do conto, a lectura e a teatralización. O delegado da Xunta destacou que a iniciativa pretende a recuperación do patrimonio inmaterial e achegar o intercambio cultural a través da tradición oral aos cativos.
 O programa é unha iniciativa da Axencia de Turismo de Galicia, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través do Plan Proxecta +, dirixido a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que fomenten o traballo cooperativo, interdisciplinar e competencial.