O BNG de Ribeira di que estará “vixiante” para que se cumpra o acordado no pleno sobre o estudo técnico da circunvalación

01 Febreiro 2022

O Bloque Nacionalista Galego emitiu un novo comunicado relacionado co proxecto do Concello para facer unha Variante e a alternativa proposta pola oposición da que falamos os días pasados neste medio. O proxecto de Variante contou dende o seu inicio co rexeitamento dos partidos da oposición en Ribeira e este rexeitamento levounos a asinar, os días pasados, unha proposta conxunta (asinada polo BNG, PBBI, PSOE e SR) para realizar un estudo técnico sobre a viabilidade dunha alternativa que circunvale Ribeira aproveitando a estrada Xarás-Frións. No seu comunicado o BNG mostra a súa satisfacción porque se aprobase a proposta, que obtivo 12 votos a favor e 9 abstencións do PP, e fai saber que se manterá “vixiante para o seu cumprimento”.

Os grupos defenderon, en palabras do BNG, “a necesidade de facer un estudo no que se valorara a proposta do BNG de reformar a estrada de Frións-Xarás para convertela na circunvalación que Ribeira precisa”. En palabras dos nacionalistas, “os argumentos para defender esta alternativa son sólidos por implicar un menor impacto ambiental ao non ter que facer grandes movementos de terra, amais tería menor impacto social ao non afectar núcleos habitados e sería máis económica por ter só que mellorar o trazado existente mediante o suavizado de curvas e a construción de carrís de subida e baixada adicionais”.

O concelleiro do BNG, Luís Pérez Barral, explicou que “esta proposta, de facer a circunvalación por Frións, alén de beneficiar a barrios tan poboados como Fafián, Coveliño, As Avesadas e o centro urbano de Ribeira, daríalle servizo á poboación e negocios de Carreira e Aguiño”. Ademais do anterior, Barral detallou que as persoas que baixan de Corrubedo, Olveira, Oleiros e Artes ao centro de Ribeira “poderían escoller esa alternativa para desembocar directamente nos aparcadoiros disuasorios das Avesadas coa conseguinte redución do tráfico rodado no centro urbano”.

Pérez Barral, explicou que “é unha boa nova que o PP rectifique e deixe de defender os intereses do seu partido por riba dos intereses da veciñanza”.

O concelleiro nacionalista anunciou tamén que instará ao alcalde para recibir á veciñanza afectada pola circunvalación “tan axiña como sexa posíbel” e “para que intermedie coa Consellaría de Infraestruturas e atenda as alegacións da plataforma veciñal tal e como se aprobou”.

Pérez asegurou que “o BNG estará vixiante para que se lle dea cumprimento íntegro ao acordo plenario e se realice un estudo de viabilidade que certifique que a estrada de Xarás-Frións (CP-7301) é a circunvalación que Ribeira precisa”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La derecha no muerde”. José Castro López

“La derecha no muerde”. José Castro López

Hace un año, el presidente Sánchez cumplimentó a Giorgia Meloni, jefa del Gobiernode Italia, en visita protocolaria. Ambos intercambiaron palabras amables y elogiosmutuos -diplomacia de libro-, hablaron de problemas comunes, como la inmigración -curiosamente ahora...