“Vulnerables sen alternativa habitacional” – José Manuel Pena

O Goberno de España volveu prorrogar a suspensión dos desafiuzamentos e nesta ocasión até o día 28 de febreiro, para as familias humildes que se atopen en situación de vulnerabilidade social e económica. A pesar da toma de decisións, por desgraza hai que seguir estando vixiantes porque, en bastantes ocasións, non se cumpre coa legalidade vixente e as Administracións Públicas competentes en materia de vivenda, unha vez acreditada a vulnerabilidade, non son capaces de ofrecer un alternativa habitacional.

Durante décadas, para a nosa clase gobernante, o problema da vivenda non era un dereito nin unha cuestión social senón un asunto de mera rendibilidade, beneficio económico e especulación. Isto levou a que apenas se construíran vivendas públicas e non se artelaron medidas para que as propias Comunidades Autónomas ou as Corporacións locais dispuxesen dun parque de vivendas propias ou de particulares para garantir o dereito a unha vivenda digna para as familias e persoas vulnerables.

Ao longo dos últimos anos publicáronse diferentes disposicións legais sobre medidas de protección social para facer fronte a situacións de vulnerabilidade social e económica. En materia de vivenda garantíronse os dereitos das persoas, deixando patente a importancia da mesma até o extremo de suspender os procedementos xudiciais de desafiuzamento e dos lanzamentos para os fogares vulnerables sen alternativa habitacional, tanto sexan por falta de pagamentos de hipoteca ou de aluguer.

Pola súa parte os arrendadores, propietarios de vivendas, que sufrisen algún prexuízo pola suspensión dos desaloxos teñen dereito a unha compensación económica, por parte da Comunidade Autónoma correspondente. A pesar de todo hai que seguir loitando para que, tanto dentro das Comunidades Autónomas como desde os propios Xulgados, cúmprase coa legalidade vixente e ninguén quede na rúa sen ter cubertas as necesidades habitacionais.